CCOO impugna os pregos de 'Aprende Xogando' e esixe a dimisión da concelleira de Igualdade

LugoXa
O sindicato denuncia que os pregos do programa municipal incumpren o SMI, provocan despedimentos e promoven a precariedade nun servizo público dirixido á infancia
angeles_novo
26 Jun 2025

A Federación de Servizos de Comisións Obreiras (CCOO) vén de impugnar os pregos do programa municipal 'Aprende Xogando', promovido pola Concellería de Muller, Igualdade e Inclusión do Concello de Lugo, por considerar que vulneran dereitos laborais fundamentais e carecen das garantías mínimas esixibles para un servizo público dirixido á infancia.

Segundo denuncia o sindicato, o documento incumpre o Salario Mínimo Interprofesional (SMI), deixando fóra custes reais que permitan garantir condicións laborais dignas, o que abre a porta á precarización e á explotación das traballadoras. A situación agrávase co despedimento de dúas profesionais do programa, que, segundo a concelleira Ángeles Novo, responde á falta de orzamento para aplicar a suba do SMI.

Para CCOO, esta xustificación resulta “inaceptable e contraditoria”, especialmente tendo en conta que o partido da concelleira forma parte do Goberno estatal que promove a suba do salario mínimo como medida para dignificar o emprego. Por este motivo, a organización sindical reclama a dimisión inmediata de Novo como responsable directa da situación, así como a modificación urxente dos pregos para garantir condicións dignas e evitar despedimentos.

O sindicato lembra que o SMI é un dereito legal e irrenunciable, e que a súa vulneración por parte dunha administración pública representa unha grave irresponsabilidade política. “Non se pode falar de igualdade e inclusión mentres se despide a traballadoras que simplemente reclaman o mínimo legal. Lugo merece representantes que defendan á clase traballadora cos feitos, non con promesas baleiras”, conclúe CCOO.

⚙ Configurar cookies
0.29400491714478