CCOO impugnará o convenio da limpeza de Lugo tras denunciar salarios por debaixo do SMI
A Federación de CCOO do Hábitat presentou na Coruña a campaña “Que ninguén limpe o teu salario”, dirixida a esixir mellores soldos no sector da limpeza. Esta campaña nace con motivo da negociación do convenio da limpeza nas catro provincias galegas e as propostas á baixa formuladas pola patronal.
En cada unha das provincias galegas hai distintos problemas, sinalou CCOO, pero en todos os casos hai un denominador común: precariedade nas condicións e resistencias da patronal a calquera avance, incluso a respectar o salario mínimo interprofesional.
No caso de Lugo, aseguran que as patronais asinaron un convenio coa CIG —sindicato que ten a maioría—, con táboas salariais por baixo do SMI e sen cláusula de revisión. “Ante esta aberración, estudaremos o convenio unha vez se publique para impugnalo e elevar os soldos” dos 15 019,29 euros anuais pactados aos 15 876 “que CCOO e UGT acordamos a nivel estatal no ámbito do diálogo social”, explicou Alejandra Gesto.