CCOO no Concello de Lugo denuncia a privatización de servizos municipais

LugoXa
Comisións Obreiras ve "insólito que un goberno de esquerdas destine case medio millón de euros para encomendarlle a unha empresa privada a prestación dun servizo público"
CCOO-Lugo
7 Nov 2024

A sección sindical de CCOO no Concello de Lugo denuncia a privatización de servizos municipais "en lugar de reforzar o sector público".

Deste xeito, o sindicato expresa o seu rexeitamento da decisión da xunta de goberno local de contratar un servizo especializado para a reparación de avarías e apoio na rede de abastecemento e saneamento de auga cun orzamento de 423.500 euros anuais, que poderían superar os 700.000 en caso de prórroga.

Comisións Obreiras ve "insólito que un goberno que presume de esquerdas e compromiso social destine case medio millón de euros para encomendarlle a unha empresa privada a prestación dun servizo público. Estamos a falar de máis de 423.500 euros anuais que, ben xestionados en persoal municipal, dan para contar cunha brigada municipal importante e que podería realizar eses traballos".

Ante as afirmacións por parte do Goberno local de que o contrato "permitirá reforzar o mantemento de infraestruturas críticas e garantir unha resposta rápida e eficiente ante posibles incidencias", a sección sindical e CCOO pono en dúbida. "A brigada municipal funcionou ben durante moito tempo, xusto ata que hai uns anos se comezaron a encargar actuacións a operarios alleos ao Concello. Esa experiencia proba que a externalización non redundou nun mellor funcionamento; ao contrario, o abastecemento de auga empeorou e o custo foi considerablemente superior", explican.

Así, denuncian "a inacción do Concello en relación á brigada de augas", que xa foi denunciada por CCOO a comezos do verán. O sindicato sinalaba que a falta de persoal impedía o normal funcionamento e facía que estivese inoperativa as fins de semana e os festivos.

Para CCOO, unha brigada de só oito integrantes é "claramente insuficiente" para atender as necesidades dunha poboación de 100.000 habitantes. Precisamente, a comezos do verán, o sindicato xa denunciaba publicamente que o exiguo equipo non podía operar en fins de semanas e festivos por ter persoal de baixa médica ou gozando vacacións.

Por todo isto, CCOO esixe a cancelación desta externalización e a negociación dunha relación de postos de traballo que permita reclasificar e dotar a brigada municipal de augas de quendas de noites e fins de semana, do mesmo xeito que acontece cos bombeiros ou a Policía Local. Segundo os cálculos do sindicato, esta si sería unha medida "eficiente" e permitiría aforrar uns 300.000 euros para as arcas municipais.

0.20506906509399