CCOO presenta alegacións aos orzamentos municipais de 2026 pola falta de negociación co persoal

LugoXa
O sindicato denuncia que o Concello aprobou inicialmente as contas sen convocar a Mesa Xeral nin explicar o reparto de partidas clave do gasto de persoal
manifestacion-CCOO-Concello-de-Lugo
9 Mar 2026

Comisiones Obreras en Lugo presentou alegacións ao proxecto de Orzamentos do Concello de Lugo para 2026 ao considerar que a súa elaboración, especialmente no Capítulo I relativo ao persoal, se realizou sen negociación coa representación legal das persoas traballadoras.

A unión comarcal do sindicato denuncia que o goberno municipal aprobou inicialmente as contas sen convocar a Mesa Xeral de Negociación nin facilitar a documentación necesaria para analizar e debater as medidas que afectan ás condicións laborais e retributivas do persoal municipal.

Segundo CCOO, o documento orzamentario inclúe partidas de especial relevancia, como a produtividade, a carreira profesional ou as gratificacións, sen ofrecer explicación suficiente sobre os criterios de distribución, os incrementos previstos nin o impacto real por servizos. Esta falta de información, sinala o sindicato, impide coñecer con transparencia como se pretende repartir unha parte significativa do gasto destinado ao persoal.

A organización sindical lembra tamén que existen cuestións estruturais pendentes que requiren planificación e negociación efectiva, entre elas a actualización e negociación da Relación de Postos de Traballo, a regulación da xornada en servizos especiais, a elaboración e aplicación do Plan de Igualdade ou o reforzo da formación vinculada á carreira profesional.

Para CCOO, non é aceptable que un orzamento municipal que condiciona a organización do traballo e as retribucións do persoal se elabore sen diálogo social nin transparencia. Por este motivo, o sindicato solicita que se retrotraia o procedemento de aprobación das contas no relativo ao Capítulo I e á plantilla para abrir un proceso real de negociación coa representación sindical.

Desde a organización advirten de que o diálogo social non pode quedar á marxe cando se toman decisións que afectan aos dereitos laborais e á organización do persoal que sostén os servizos públicos municipais.

0.12108302116394