CCOO rexeita a proposta de convenio na sanidade privada de Lugo que afecta a uns 400 traballadores
O sector de Sanidade Privada de CCOO de Lugo rexeita a proposta de convenio provincial para este ámbito, que está disposto asinar a UGT, mantendo o persoal unha década cos salarios conxelados e perdendo poder adquisitivo cada ano que pasa. Segundo Comisións Obreiras, máis de catrocentas persoas dependen deste convenio, das cales unhas 250 traballan en Ribera-Polusa e Quirón.
O actual convenio leva caducado desde o 2016, polo que xa son oito anos sen revalorización dos salarios. A patronal fixo unha proposta e a UGT, sindicato maioritario no ámbito, amosou a súa disposición a aceptala, mesmo que signifique actuar de costas ao resto de organizacións e perder poder adquisitivo. Ademais da conxelación salarial, CCOO coida “un insulto” que a proposta prevexa o traballo gratis os domingos ou aboar só 15 euros por traballar en festivos. Isto, ao tempo que asegura que as grandes empresas do sector facturan millóns de euros grazas aos ingresos fixos que perciben polos concertos sanitarios.
“No momento de mellor facturación das empresas, as condicións que propoñen resultan unha ultraxe aos traballadores e traballadoras da sanidade privada”, denuncia Carlos Díaz, responsable de CCOO na sanidade privada de Lugo. Por último, acusa a UGT de poñerse do lado das empresas en vez de estar ao carón dos traballadores e traballadoras do sector, e critica que “pretendan branquear a súa decisión” cunha “votación sen garantías na súa sede, sen posibilidade de verificación por parte doutros sindicatos”.