CCOO sostén ter razón tras unha sentenza do TSXG sobre os pregos de 'Aprende Xogando'

LugoXa
Para o sindicato, o fallo é “unha evidencia dunha xestión irresponsable e temeraria” por parte da Concellería de Igualdade
Casa-Consistorial-Concello-de-Lugo
4 Dec 2025

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de emitir unha sentenza demoledora que dá a razón a CCOO: estima integramente a demanda do sindicato, anula a resolución do TACGAL e obriga este órgano a entrar no fondo da impugnación dos pregos do programa municipal Aprende Xogando, elaborados pola Concellería de Igualdade. Para CCOO, o fallo confirma “sen ningún xénero de dúbida” que o sindicato tiña razón desde o primeiro momento.

Na resolución, a Sala explica que os pregos presentan carencias tan graves que “fundadamente” poden vulnerar dereitos laborais básicos. Entre esas eivas sinala a ausencia dunha ratio monitor/menores, a falta de criterios para a atención ao alumnado con necesidades educativas especiais, a inexistencia de garantías de prevención de riscos laborais e a ausencia de grupos de idade definidos, a pesar de tratarse dun servizo dirixido á infancia.

CCOO afirma que a sentenza supón “unha desautorización total da Concellería” e cualifica a actuación municipal como “unha xestión irresponsable e temeraria”. O sindicato insiste en que esta resolución deixa claro que “o TSXG confirma o que levamos meses denunciando: os pregos eran un perigo para a calidade do servizo e para os dereitos laborais. A Concellería tentou tapalo impedindo o recurso, e agora a Xustiza pona no seu sitio”.

A sentenza tamén impón as costas procesuais ao Concello, algo que CCOO interpreta como “un tirón de orellas contundente”. O sindicato considera especialmente grave que “non só fixeron uns pregos deficientes, senón que gastaron diñeiro público en defender o indefendible. Agora pagarán as consecuencias”.

Tras este varapau xudicial, CCOO esixe responsabilidades políticas inmediatas. O sindicato reclama a modificación urxente dos pregos, garantías laborais reais para o persoal que presta o servizo e que a Concellería de Igualdade asuma responsabilidades pola súa actuación.

⚙ Configurar cookies
0.077467918395996