Ceden material aeronáutico para a formación do alumnado de FP en Lugo

A Xunta de Galicia expresou o seu agradecemento ao Exército de Terra pola cesión de material aeronáutico destinado á formación do alumnado do ciclo superior en Mantemento aeromecánico de aeronaves con motor de turbina do Centro Integrado de FP As Mercedes, en Lugo. A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, e o delegado territorial da Xunta, Javier Arias, participaron esta mañá no acto oficial de entrega, que estivo presidido polo subdelegado de Defensa en Lugo, o coronel Juan Fernández.
O material cedido inclúe dúas turbinas, unha cabeza de rotor principal de helicópteros HU-10, así como ratos oscilantes, caixas de transmisión e outros compoñentes mecánicos de grande valor didáctico, todos eles certificados polo Goberno americano. Estes elementos, procedentes do Exército de Terra e obtidos tras tres anos de xestións, permitirán ao alumnado traballar con pezas reais utilizadas en naves militares, reforzando deste modo a súa preparación técnica e práctica.
Grazas a esta colaboración, o CIFP As Mercedes consolídase como un centro de referencia na formación en mantemento de aeronaves, avanzando cara á súa consolidación como centro de excelencia en aeromecánica e fortalecendo a conexión entre a aprendizaxe e as necesidades reais do sector.
Durante a xornada, Pérez e Arias aproveitaron tamén para visitar as instalacións do novo ciclo de Emerxencias e Protección Civil, situado no Centro de Empresas e Innovación-Nodus-Parque de Bombeiros de Lugo. Este ciclo, que se imparte por primeira vez este curso e é único en Galicia, conta con 22 alumnos matriculados.