Celadores de Urxencias do HULA denuncian colapso e falta de medios nunha concentración

LugoXa
Reclaman máis persoal, material e unha unidade de intermedios tras unha noite con 18 pacientes agardando por cama
concentración-celadores-urxencias-HULA
18 Feb 2026

As celadoras e celadores do Servizo de Urxencias do Hospital Universitario Lucus Augusti concentráronse este mércores, 18 de febreiro, para reclamar “os medios humanos e materiais necesarios para unha asistencia sanitaria digna” e denunciar a situación que, segundo aseguran, se vive de maneira habitual no servizo.

O colectivo advirte de que o persoal resulta insuficiente para asumir a carga asistencial actual e que tamén existen carencias de material básico para o traslado e atención de pacientes. Sinalan a falta de padiolas e cadeiras de rodas axeitadamente equipadas, así como a necesidade de habilitar unha unidade de intermedios que permita evitar as esperas prolongadas nos corredores cando os ingresos se demoran ou non hai camas dispoñibles na área de Observación.

A protesta prodúcese despois dun novo episodio de saturación rexistrado na noite do luns ao martes, cando arredor de 18 persoas permaneceron durante toda a noite á espera dunha cama. Segundo trasladan, esta situación evidencia o colapso que sofre o servizo e repercute directamente na calidade da atención e nas condicións de traballo do persoal.

Ante esta realidade, os profesionais esixen á Xunta de Galicia que dote o hospital dos recursos necesarios para garantir unha asistencia adecuada á cidadanía. Pola súa banda, a Área Sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos sostén que non existe carencia de material nos seus dispositivos asistenciais e asegura que a distribución de recursos sanitarios se realiza de forma periódica e nas cantidades precisas, rexeitando así as críticas formuladas polo persoal concentrado.

A deputada socialista e secretaria de Organización do PSdeG, Lara Méndez, tamén participou na concentración para apoiar a denuncia do persoal de falta de material e de recursos no servizo de Urxencias neste centro sanitario.

A responsable socialista apoiou as demandas do persoal que está a alertar das condicións de traballo inasumibles e que redundan na calidade do servizo sanitario aos lugueses e luguesas que, dixo, merecen unha sanidade pública de calidade en igualdade de condicións co resto de Galicia.

⚙ Configurar cookies
0.082597017288208