Preto de 300 persoas participarán en Friol na marcha solidaria contra o cancro que terá lugar este sábado

LugoXa | TerraChaXa
O percorrido son 16 km, pero na proba libre pode facerse máis corta. A hora de saída será ás 10 dende a Praza Andón Cebreiro
presentacion-andaina-solidaria-cancro
5 Mar 2026

O Concello de Friol presentou oficialmente a Marcha Solidaria contra o Cancro, que terá lugar este sábado, 7 de marzo, unha iniciativa promovida polo Club Nordic Walking e pola Asociación Española Contra o Cancro en Lugo e á que o Concello se suma como mostra do seu firme compromiso coa saúde e coa solidariedade.

A marcha terá dúas categorías, unha de carácter competitivo, pero sen premio, e a outra libre. Trátase dunha actividade aberta a toda a cidadanía, pensada como un xesto colectivo de solidariedade e concienciación. “Non é unha carreira, é un xesto de apoio. Cada paso que damos xuntos serve para visibilizar a loita contra o cancro e reforzar os recursos destinados ás persoas afectadas”, sinalaron desde o Concello.

Está prevista a participación de case 300 persoas, 94 na proba competitiva e 185 na andaina. Aínda que a maioría proceden da provincia de Lugo, en este momento xa se conta con sendeiristas inscritos das catro provincias galegas.

A iniciativa pretende converterse nun punto de encontro para veciños e veciñas de todas as idades, fomentando valores como a empatía, a unión e o compromiso social.

Desde o Concello anímase a toda a sociedade a participar nesta actividade aberta e participativa, lembrando que cada paso conta. “Unidos demostramos que Friol é un municipio solidario, comprometido e consciente.”

O percorrido son 16 km, pero na proba libre pode facerse máis corta. A hora de saída será ás 10 dende a Praza Andón Cebreiro.

 

0.12187218666077