Celebran o 30 aniversario de 'Ponte nas Ondas' cunha maratón radiofónica especial

Representantes da Tenencia de Alcaldía de Lugo e membros da Asociación Cultural e Pedagóxica 'Ponte nas Ondas' presentaron a maratón radiofónica que conmemora o 30 aniversario da iniciativa.
O evento terá lugar o próximo mércores 26 de marzo no Auditorio Fuxan os Ventos de Lugo e contará coa participación de varios centros educativos locais e de outras localidades de Galiza e do norte de Portugal.
A Asociación 'Ponte nas Ondas', que se define como unha ONG consultora de patrimonio inmaterial para a UNESCO, preparou unha xornada especial que se desenvolverá de forma simultánea desde diferentes puntos de Galicia e o norte de Portugal. En Lugo, a maratón radiofónica reunirá a máis de 250 persoas entre alumnos e profesorado de varios centros educativos.
Os centros educativos que participarán na xornada son o Centro Público de Educación Permanente de Adultos, o CEIP Sagrado Corazón, o IES Lucus Augusti, o IES Muralla Romana, o IES Leiras Pulpeiro, e a Escola Oficial de Idiomas de Lugo.
Ademais, chegarán tres centros de distintas localidades da provincia, como o CPI Luís Díaz Moreno de Baralla, o CEIP Ramón Falcón de Castro de Rei e o CPI de Cervantes.
Durante toda a mañá, os estudantes e docentes crearán un programa de radio en directo que se emitirá entre as 10.00 e as 14.00 horas.
A programación contará tamén coas actuacións musicais de Antón Castro, membro de Fuxan os Ventos, que subirá ao escenario a partir das 10.30 horas, e do grupo Troupelear, formado por Branca Villares e Pablo Pintor, que interpretarán varias cancións entre as intervencións dos centros educativos a partir das 11.45 horas.
A maratón radiofónica destacará o patrimonio cultural inmaterial común galego-portugués, e contará con actuacións e entrevistas a artistas de ambos os dous países, fortalecendo os lazos culturais e promovendo a preservación do noso patrimonio.