Celebran unha charla informativa sobre a regularización extraordinaria de persoas migrantes en Lugo

LugoXa
O encontro, promovido pola Concellería de Movementos Migratorios xunto a colectivos da cidade, ofrecerá información actualizada e un espazo para resolver dúbidas
Waldir-Sinisterra-Concello-de-Lugo
19 Feb 2026

A Concellería de Movementos Migratorios do Concello de Lugo celebrará o sábado 28 de febreiro, ás 19.00 horas, unha sesión informativa centrada no proceso de regularización extraordinaria de persoas migrantes anunciado polo Gobierno de España.

A actividade desenvolverase na Casa das Asociacións Mariá Mariño e está organizada en colaboración coa Asociación Rioplatenses de Lugo e a Asociación de Venezolanos en Lugo (VENELUGO), co obxectivo de facilitar información clara, contrastada e actualizada á veciñanza interesada.

O concelleiro de Movementos Migratorios, Waldir Sinisterra, explicou que esta iniciativa responde á necesidade de crear un espazo rigoroso de orientación nun contexto marcado pola circulación de datos incorrectos ou incompletos. Segundo indicou, resulta imprescindible actuar con prudencia e responsabilidade institucional á espera da publicación do correspondente Real Decreto no Boletín Oficial del Estado, que será o documento que concrete de maneira definitiva os criterios e condicións do proceso.

Sinisterra lembrou que, polo momento, a información dispoñible procede das comunicacións oficiais do Ministerio competente, polo que apelou a evitar especulacións ou expectativas infundadas. O edil incidiu na importancia de que as persoas interesadas dispoñan de datos fiables e verificados, coñecendo os requisitos que se están a considerar e os prazos orientativos previstos, aínda que insistiu en que será necesario agardar ao marco normativo definitivo. Así mesmo, advertiu sobre os efectos da desinformación interesada, que pode xerar incerteza e preocupación innecesaria.

Durante a charla abordaranse cuestións como as condicións xerais que se barallan para acceder á regularización, entre elas a acreditación dunha permanencia continuada en España durante un período mínimo anterior ao 31 de decembro de 2025 e a inexistencia de antecedentes penais, así como os tempos nos que previsiblemente se abrirá o prazo de solicitudes. Tamén se contextualizará esta medida dentro dunha estratexia máis ampla de política migratoria orientada a garantir dereitos, seguridade xurídica e integración social e laboral.

A sesión estará aberta a todas as persoas que desexen coñecer de primeira man a información dispoñible e incluirá un turno para preguntas e aclaración de dúbidas. Para facilitar a organización, será preciso realizar inscrición previa a través do correo electrónico rioplatensesdelugo@hotmail.com, no teléfono 663 92 01 49 ou chamando ao 010.

⚙ Configurar cookies
0.084077119827271