Celébranse as primeiras xornadas pedagóxicas de arqueoloxía en Lugo

A Delegación da Xunta en Lugo acollerá este sábado, 4 de outubro, as primeiras Xornadas Pedagóxicas de Arqueoloxía Lucense, organizadas polo departamento territorial da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.
A iniciativa está aberta ao público en xeral, con entrada libre ata completar aforo, e busca achegar á cidadanía os últimos avances na investigación, conservación e posta en valor dun patrimonio arqueolóxico que sitúa a provincia como referente en Galicia.
A xornada comezará ás 9:30 horas coa primeira sesión dedicada á prehistoria e á Idade de Ferro. O catedrático de Prehistoria Ramón Fábregas falará ás 10:00 das primeiras pegadas humanas nas terras de Lugo, mentres que a profesora de Arqueoloxía María Pilar Prieto abordará ás 10:45 o estudo do Corro dos Mouros de Adai. Xa ás 12:00, o arqueólogo Benito Vilas e a restauradora Alba Losada presentarán os últimos traballos en Penas do Castelo, na Pobra do Brollón, seguidos da intervención de Emilio Ramil ás 12:45 sobre o castro de Saa, en A Pastoriza.
Pola tarde, a partir das 16:00 horas, o programa centrarase no período comprendido entre a romanización e a Idade Media. Yolanda Álvarez e Luis F. López abrirán o bloque coas súas achegas sobre o castro do Teso da Ermida, en Navia de Suarna. A continuación, ás 16:45, López compartirá relatorio con Brais Currás, investigador do CSIC, arredor do Monte Cido e do poboamento dos montes do Courel en época romana. Ás 17:30 será a quenda de Francisco Alonso, que falará sobre o xacemento de Proendos, en Sober.
O peche chegará ás 18:15 da man de Roberto Bartolomé Abraira, que presentará os estudos preliminares realizados na Igrexa de Santa Eulalia de Esperante, en Lugo. As escavacións impulsadas pola Xunta sacaron á luz unha ventá con características propias do prerrománico asturiano. Esta charla substitúe á prevista inicialmente sobre o xacemento do Preguntoiro, en Pantón, cancelada por un imprevisto do relator.
O delegado territorial, Javier Arias, animou á veciñanza a participar nun encontro no que os relatores serán os propios arqueólogos responsables dalgunhas das intervencións máis destacadas desenvolvidas nos últimos anos en diferentes xacementos lucenses, cun abano cronolóxico que vai do Paleolítico ao medievo, pasando polos castros e a romanización.