Celébrase a XV Xornada de Literatura de Tradición Oral co título Entroido: transgresión e tradición
O próximo sábado 22 de outubro celébrase a XV Xornada de Literatura de Tradición Oral. Entroido: transgresión e tradición.
Unha iniciativa da AELG co apoio da Deputación Provincial de Lugo e a colaboración da Asociación Sócio-Pedagóxica Galega que terá lugar no Salón de Actos da Deputación de Lugo.
As xornadas darán comezo ás 10.15 con unha recepción, entrega de material e inauguración. Ás 10.30 terá lugar a primeira conferencia Variedades de sons, músicas, voces, contos e rivalidades nalgúns dos entroidos galegos: tradición e aculturación a cargo de Felipe Senén.
Ás 11.30 dará comezo a seguinte conferencia O mundo do revés: Teatro de entroido en Galicia impartida por Julio González Montañés que ten publicados traballos sobre arte galega, iconografía e etnografía, e nos últimos anos centrou a súa actividade investigadora no estudo e catalogación das manifestacións teatrais en Galicia anteriores a 1750.
Para rematar a mañá haberá ás 12.30 unga mesa redonda Entroido e ocultación: profundando no envés do ritual na que participarán Felipe Senén e Julio González Montañés e estará coordinada por Lois Pérez.
A sesión da tarde dará comezo ás 16.00 coa conferencia Os entroidos históricos da bacía do Támega: as súas máscaras tradicionais a cargo de Nieves Amado Rolán que actualmente forma parte da Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega e do Grupo de Investigación arqueolóxica da Univ. de Vigo, GEAAT.
Ás 17.00 terá lugar a última conferencia da xornada Viaxe polo mundo da máscara da man de Mercedes Vázquez Saavedra que está mergullada no mundo da Máscara dende hai moitos anos, nos que levou ao cabo diferentes pesquisas co fin de investigar as máscaras do rural. A ese primixenio traballo seguiron outros de recolleita oral e fotográfica da MÁSCARA IBÉRICA, máscaras de Galiza e Portugal e doutras comunidades da península. Mercedes colaborou e segue a colaborar na difusión da Máscara con exposicións fotográficas, por Galiza e Portugal, encontros da máscara etc.
Ás 18.00 terá lugar outra mesa redonda Tras a máscara. Liturxia e simbolismo na que participarán Nieves Amado Rolán e Mercedes Vázquez Saavedra e estará coordinada por Antonio Reigosa.
E para finalizar as xornadas ás 19.30 haberá unha sesión práctica Achega á Máscara de Entroido. Unha visión desde dentro no que Xosé Manuel Seixas Souto de Torres deseñador gráfico de titulación e artesán de vocación que leva anos mergullado no estudo e elaboración das máscaras tradicionais de Entroido, aplicando tanto saberes antigos trasmitidos de xeración en xeración, como o estudo de posibilidades de fabricación alternativas a materiais de nova incorporación.