Celébrase en Lugo a Semana da Administración Aberta cunha mesa redonda
A Xunta de Galicia celebra en Lugo a Semana da Administración Aberta cunha mesa redonda na que informará das últimas obras de rehabilitación levadas a cabo na Catedral lucense, á que seguirán as visitas guiadas para comprobar in situ o resultado das intervencións e para coñecer en detalle o xacemento arqueolóxico da Domus do Mitreo.
O coloquio terá lugar na Casa do Saber este venres, 14 de xuño, ás 17.00 horas, está aberto a todas as persoas interesadas ata completar aforo e será inaugurado pola directora xeral de Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez Insua.
Contará coa participación de arquitectos, restauradores e arqueólogos involucrados nos traballos, que explicarán en que consistiron, os seus obxectivos, os problemas suscitados e os resultados obtidos. As intervencións centráronse fundamentalmente no claustro catedralicio pero tamén se realizaron outras actuacións complementarias, alcanzando un investimento de 625.000 euros.
Neste sentido, ademais das tarefas de conservación e restauración, tamén se desenvolveron investigacións arqueolóxicas que permitiron ter un mellor coñecemento sobre a evolución histórica do monumento, destacando a constatación dunha importante necrópole existente no subsolo do claustro e do adro catedralicio, e tamén a existencia dunha das grandes cloacas de saneamento que existía na antiga cidade romana de Lucus Augusti, a cal transcorre de leste a oeste polo subsolo do claustro catedralicio a unha profundidade de máis de 4 metros.
A Semana da Administración Aberta é unha iniciativa de ámbito mundial impulsada pola Alianza para o Goberno Aberto (Open Gov Week) para achegar a acción administrativa á cidadanía, en aras de facilitar a transparencia e a participación cidadá.