Celébrase en Lugo unha xornada para impulsar a presenza feminina nos sectores masculinizados
A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade celebra este martes 2 de abril no Fórum Ceao de Lugo, unha nova xornada aberta ao público Emprego sen etiquetas, para impulsar a presenza feminina en sectores económicos onde tradicionalmente predominan os homes.
O acto acollerá unha mesa redonda, onde estarán representadas mulleres que traballan nos sectores do metal, forestal e de mecánica de aviación, na que compartirán a súa experiencia en ámbitos laborais masculinizados, poñendo en valor os seus testemuños como exemplos de mulleres que rachan cos prexuízos e cos estereotipos de xénero á hora de escoller as súas profesións.
A Xunta porá en marcha este ano un plan pioneiro, con 2,25 millóns de euros de orzamento, para impulsar a presenza feminina en profesións onde a muller apenas está representada. A previsión é que se poidan contratar e formar unhas 300 mulleres no conxunto do territorio galego. As achegas da convocatoria equivalerán ao custo da formación, prospección e contratación, cun máximo por cada muller inserida de 7.500 euros.
A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade ten en marcha tamén a campaña Ti elixes, desenvolvida en centros escolares, para concienciar á xente nova da importancia de elixir unha profesión en función unicamente das habilidades ou motivacións persoais. Con todas estas medidas, a Xunta de Galicia está a reforzar o seu compromiso na loita contra os estereotipos e as fendas de xénero no eido laboral e quere implicar nesta misión a toda a sociedade con xornadas como a que o martes se celebrará en Lugo e que ten as inscricións abertas a través dun formulario web.