Celébrase unha nova edición de 'Comercio na Rúa' para achegar o comercio local á veciñanza

O vindeiro martes, 25 de marzo, terá lugar unha nova xornada da iniciativa 'Comercio na Rúa', unha actividade de continuidade que se desenvolve o último martes de cada mes e que busca dinamizar o consumo e dar visibilidade ao comercio local.
A acción está organizada pola Federación de Comercio de Lugo en colaboración coa Área de Dinamización Económica e Relacións Institucionais do Concello de Lugo.
Nesta edición participarán máis de 70 establecementos da capital lucense adheridos á Federación, que sacarán os seus produtos á rúa durante toda a xornada. Estes comercios estarán debidamente identificados cunha banderola da campaña, polo que serán facilmente recoñecibles para os clientes e paseantes.
O obxectivo principal da iniciativa é achegar o comercio local ao consumidor, visibilizando a súa oferta e poñendo en valor o sector como motor económico da cidade. Ademais, "Comercio na Rúa" busca crear un ambiente atractivo e participativo nas rúas de Lugo, favorecendo as compras e promovendo a proximidade entre comerciantes e veciñanza.
A Federación de Comercio e o Concello convidan a toda a cidadanía a apoiar o comercio de proximidade, aproveitando esta xornada para coñecer de preto a calidade, variedade e trato personalizado que ofrece o tecido comercial lucense.