Celebrouse a primeira ruta do románico na Ulloa e no Xeoparque das Montañas do Courel
A deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, deu a benvida ao grupo que participou na ruta do románico na Ulloa que organiza a Deputación de Lugo.
A cita, que se enmarca dentro do programa de visitas gratuítas da institución provincial para conmemorar o Día da Transrománica, o vindeiro 9 de maio coincidindo co Día de Europa, arrancaba con percorridos pola Ulloa, onde se cubriron todas as prazas, e o Xeoparque das Montañas do Courel, que contou con moi boa participación.
No románico nas Terras da Ulloa: Antas de Ulla, os participantes puideron coñecer as igrexas de San Xoán, Amoexa e Santa Mariña de Amarante da man dunha guía oficial. No percorrido da tarde, O románico nas Terras da Ulloa: Palas de Rei e Monterroso, tiveron a oportunidade de visitar o Mosteiro de San Salvador de Vilar de Donas, unha das xoias do románico lucense, e veciñas igrexas de San Cristovo de Novelúa e San Miguel de Esporiz, mostra da proliferación de templos de estilo románico favorecida polo paso do Camiño de Santiago.
Outro grupo visitou pola tarde O románico no Xeoparque das Montañas do Courel, unha ruta que comezou en San Salvador de Hospital, en Quiroga. Tamén coñeceu a Abadía de San Clodio e a igrexa de Santa María de Torbeo, integrada na ruta Transrománica europea.