Centos de persoas reúnense no Parque Rosalía no acto de homenaxe á alcaldesa Paula Alvarellos

Centos de lucenses déronse cita estamañá no Parque Rosalía para participar no acto de lembranza da alcaldesa Paula Alvarellos, no día no que se cumpre un ano do seu falecemento. O acto contou coa lectura dun poema escrito polo seu compañeiro de grupo e amigo, Pablo Permuy, tamén falecido o ano pasado, a cargo da concelleira Ángeles Novo. Previamente, o alcalde de Lugo, Miguel Fernández, deu as grazas a todas e todos os lucenses que se achegaron ao Parque Rosalía, para participar neste acto co que “quixemos lembrar a nosa alcaldesa e amiga”, da que destacou o seu “compromiso, traballo, tenacidade, valentía e ilusión tanto na súa faceta política como persoal”. Ademais, quixo salientar o seu carácter “cercano e empático e a súa honradez e integridade para levar a cabo o compromiso que adquiriu coa cidade de Lugo”, polo que deixou “unha fonda pegada entre toda a veciñanza”.
Ao acto asistiron centos de lucenses, entre eles concelleiros e concelleiras de todos os grupos da Corporación municipal; traballadores e traballadoras do Concello; representantes doutras administracións públicas, de asociacións veciñais e do ámbito social, político, empresarial, cultural, así como das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado. O peche correu a cargo de Roi Álvarez, cantante e guitarrista do grupo Forguet La France, quen interpretou o tema “La chica de ayer”, unha das cancións preferidas da alcaldesa; coa entrega dun ramo de flores aos seus familiares; e co aplauso xeral de todos e todas as asistentes en sinal de lembranza e de cariño á figura de Paula Alvarellos.