Centos de veciños participan na celebración do Día da Árbore no Paseo do Rato

A Federación de Asociacións de Veciños de Lugo celebrou este ano o Día da Árbore cunha xornada participativa no Paseo do Rato, á altura do Centro de Cestería, propiedade da Deputación de Lugo, na que tomaron parte varios centos de veciños e veciñas da cidade.
No acto participaron tamén distintas autoridades, entre elas o alcalde de Lugo, Miguel Fernández; a subdelegada do Goberno na provincia, Olimpia López Rodríguez; e o presidente da Federación de Asociacións de Veciños de Lugo, Jesús Vázquez. A iniciativa contou ademais coa colaboración do Concello de Lugo.
Durante a xornada tamén estivo presente o deputado provincial de Medio Ambiente, Carlos López López, quen destacou o compromiso da Deputación coa conservación do territorio. Neste caso, explicou, a institución impulsou a plantación de especies autóctonas na Reserva da Biosfera Terras do Miño.
Segundo detallou o deputado, a Deputación colaborou na celebración facilitando o espazo para o desenvolvemento da actividade e achegando unha vintena de acivros, ademais doutras 250 especies autóctonas que foron repartidas entre as persoas asistentes.
López felicitou á Federación Veciñal pola organización dun acto que se repite ano tras ano e polo seu compromiso constante coa protección ambiental. “É un compromiso que compartimos na Deputación porque somos conscientes da importancia de coidar a diversidade e de preservar a nosa riqueza natural”, sinalou.
Neste sentido, puxo en valor diferentes accións impulsadas pola institución provincial para promover unha xestión sostible do territorio. Entre elas destacou iniciativas como o programa de hortos urbanos, as actividades de lecer gratuítas centradas na educación ambiental ou os proxectos orientados á posta en valor das reservas da biosfera.