Centro Europe Direct selecciona a Lugo como sede para 2026-2030

O Concello de Lugo foi seleccionado pola Comisión Europea para acoller un dos Centros Europe Direct durante o período 2026-2030, converténdose así na única administración local e na única deputación ou concello de Galicia en obter este recoñecemento. A elección prodúcese tras un proceso altamente competitivo no que se presentaron 61 candidaturas de todo o Estado, das que finalmente só 37 foron elixidas.
A Comisión Europea establecía un máximo de dous centros para Galicia, que se cubriron coa selección do Concello de Lugo e da Fundación Galicia Europa, un organismo do sector público autonómico dependente da Xunta de Galicia e doutras institucións. Deste xeito, Lugo consolidase como a única administración local ou provincial galega que contará cun Centro Europe Direct no novo ciclo, reforzando a súa posición como referente na interlocución cidadá coa Unión Europea e na difusión das súas políticas.
O Centro Europe Direct Lugo permitirá desenvolver durante cinco anos un amplo programa de información, comunicación e participación sobre a Unión Europea, achegando á cidadanía recursos, actividades e atención directa en temas relacionados cos dereitos europeos, programas de mobilidade, educación, emprego e voluntariado. O servizo ofrecerá accións en centros educativos, encontros con entidades sociais e profesionais, actividades de divulgación pública, campañas informativas, colaboración con outras redes europeas e un plan de comunicación con iniciativas presenciais e dixitais. Ademais, impulsará experiencias de educación cidadá europea, dinamizará a participación xuvenil en Erasmus+, CEAS e outros programas, e fomentará a comprensión das institucións e da toma de decisións europeas.
Con esta designación, Lugo dá un novo paso na súa proxección internacional e consolida un modelo de cidade conectado con Europa, con capacidade para atraer recursos, impulsar proxectos estratéxicos e promover un desenvolvemento sostible, participativo e baseado no coñecemento. O Concello iniciará agora os traballos de planificación detallada do novo Centro Europe Direct para garantir que este servizo se converta nunha ferramenta útil, accesible e próxima a toda a cidadanía lucense durante os próximos cinco anos.
O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, resaltou a importancia deste recoñecemento europeo e sinalou que “se trata dun logro extraordinario para Lugo, que confirma o rigor e a solvencia coa que este Concello leva anos traballando en proxectos europeos”. Engadiu que “a Comisión Europea volve confiar en Lugo porque estamos a demostrar unha capacidade de xestión seria, transparente e altamente profesional. Contar cun Centro Europe Direct non é só un recoñecemento institucional: é unha oportunidade enorme para seguir abrindo portas, atraer programas e situar a cidade no mapa europeo da innovación, da participación e do coñecemento”.
O edil de Dinamización Económica, Maurio Repetto, felicitou ao departamento de Desenvolvemento Local, responsable da candidatura, asegurando que “o traballo impecable do equipo técnico volveu demostrar unha reputación intachable na xestión de fondos europeos e na captación de servizos valiosísimos para a cidade”.