Centros de ensino de Lugo e Vilalba recibiron os premios Innovatech FP

LugoXa | TerraChaXa
Tres proxectos do Politécnico e un das Mercedes e do IES Peña Novo de Vilalba foron os galardoados
premios-politecnico
18 Jun 2025

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, presidiu a entrega de premios da segunda edición do certame InnovaTech FP a centros da Coruña, Culleredo, Ferrol, Lugo, Vilalba, Maceda, Ourense, Xinzo de Limia, Pontevedra e Vigo. O acto desenvolveuse no Centro Integrado de FP Universidade Laboral, en Culleredo, coa presenza de aproximadamente 500 persoas entre as que se encontran os alumnos e alumnas participantes nos retos, os seus profesores e representantes das empresas colaboradoras.

O titular do departamento educativo da Xunta, que estivo acompañado pola directora xeral de FP, Eugenia Pérez, puxo en valor o potencial innovador da FP galega, co Centro Galego da Innovación da Formación Profesional Eduardo Barreiros. “Hai unhas semanas tivemos a oportunidade de coñecer proxectos de gran interese na feira FP Innova, na que se expoñen os mellores traballos dos centros neste eido, e hoxe coñecemos 20 propostas totalmente novas para dar resposta a retos tecnolóxicos reais propostos por algunhas das empresas máis solventes de Galicia”. “Que os alumnos de FP, coa colaboración dos docentes, sexan quen de elaborar solucións solventes é unha clara mostra de que algo se están a facer ben nas aulas”, incidiu.

Neste sentido, destacou o éxito de InnovaTech, “en cuxa primeira edición participaron 10 empresas, nesta segunda foron 20 e moitas delas repetiron”, dixo Román Rodríguez. “A través deste tipo de iniciativas fortalecemos a relación entre a FP e o tecido produtivo, imprescindible tanto para que os estudantes coñezan a realidade do mundo laboral, como para que as empresas conten con profesionais coa maior cualificación”, sinalou o conselleiro. “Así mesmo, promovemos o emprendemento entre os máis novos, dado que os gañadores van poder agora intentar facer realidade as súas propostas”, explicou.

Román Rodríguez quixo felicitar aos estudantes e docentes participantes, un 50% máis ca na primeira edición, “pola capacidade de facer fronte ao retos e traballar en equipo para crear propostas que lle dean solución”. “Estou seguro de que esta forma de enfrontarvos ás dificultades vos vai ser moi útil no futuro en todas as facetas da vosa vida”, afirmou.

Enmarcado na Estratexia de FP Galicia 2030 e no Plan Innova FP Galicia, o programa InnovaTech FP ten como obxectivo a innovación tecnolóxica e o emprendemento industrial no ámbito da FP, así como promover a creación de empresas de base tecnolóxica entre os estudantes. Para iso, as 20 empresas participantes propuxeron outros tanto retos tecnolóxicos aos estudantes, que debían darlles resposta a través de solucións innovadoras cun impacto positivo no desenvolvemento do medio rural, así como no crecemento sustentable da sociedade.
Os estudantes traballaron en equipos multidisciplinares con distribución mixta de xénero.

Deste xeito, búscase a integración de habilidades e coñecementos complementarios, así como a promoción da igualdade de oportunidades entre homes e mulleres. Participaron arredor de 1.000 alumnos e 240 profesores, que conformaron 243 equipos de 72 centros de Formación Profesional (28 centros integrados de FP e 45 institutos).

Os estudantes recibiron formación específica en Desing Thinking, e os 60 equipos que chegaron á fase especial recibiron ademais formación específica en Produto mínimo viable e Comunicación estratéxica, formacións que lles axudaron a desenvolver as súas ideas, realizar o prototipado das mesmas e expoñelas ante a comisión de selección.

O Centro Galego da Innovación da Formación Profesional Eduardo Barreiros prestou apoio e orientación aos grupos de traballo no desenvolvemento dos seus proxectos. Ademais, os gañadores contarán coa área de emprendemento industrial deste centro para a súa transformación nunha realidade comercial viable.

Centros premiados

Os centros con iniciativas premiadas, dotadas cada unha con 10.000€ para o desenvolvemento do proxecto, son os que se reflicten na táboa. No dossier adxunto poden consultarse os detalles de cada un deles. Entre os 20 centros premiados, seleccionouse o equipo formado por alumnado do CIFP Valentín Paz Andrade de Vigo e do CIFP A Xunqueira de Pontevedra en resposta ao reto presentado pola empresa Eba, como premio especial.

Na provincia de Lugo os traballos premiados foron os seguintes:

RETO 8: Fundación San Rosendo. Solucións tecnolóxicas para fomentar a motivación e participación en terapias de rehabilitación
CIFP Politécnico de Lugo
SOLUCIÓN PROPOSTA:
Solución innovadora que integra realidade mixta e gamificación para aumentar a motivación nas terapias de rehabilitación. Ofrece exercicios personalizados para a mellora da mobilidade, inspirados en tarefas tradicionais, ao tempo que permite un seguimento en tempo real por parte de profesionais e familiares.

RETO 9: Diesemm. Plataforma dixital para a xestión optimizada de recursos e persoal en grandes eventos
IES Lois Peña Novo (Vilalba)
SOLUCIÓN PROPOSTA:
Plataforma dixital que optimiza a xestión de recursos e persoal en grandes eventos, mediante unha aplicación para organizadores e outra para asistentes. Facilita comunicación, seguimento en tempo real, predición de necesidades e mellora a eficiencia, sostibilidade e experiencia global dos eventos.

RETO 10: Coca-Cola. Redución do consumo de auga no proceso de pasteurización de refrescos
CIFP As Mercedes
SOLUCIÓN PROPOSTA:
Propoñen a instalación dunha bomba de calor auga-auga no proceso de pasteurización da planta de fabricación de Coca-Cola, o que permitirá reducir o consumo de auga e vapor, e eliminar a torre de refrixeración. Isto mellora a eficiencia enerxética, permitindo a redución de emisións de CO₂ e aforrando custos operativos.

RETO 14: Zendal. Método in vitro para a cuantificación de toxoides na produción de vacinas
CIFP Politécnico de Lugo (Lugo)
SOLUCIÓN PROPOSTA:
Método in vitro para a cuantificación de toxoides en vacinas baseado en cromatografía líquida acoplada a espectrometría de masas en tándem dirixida. Este método ofrece alta especificidade, sensibilidade e precisión, garantindo un control de calidade eficiente, e reproducible sen empregar animais.

RETO 19: EMAFESA. Sistema automático para a detección e control de fugas de auga en tempo real
CIFP Politécnico de Lugo (Lugo)
SOLUCIÓN PROPOSTA:
Sistema de detección e control de fugas de auga en tempo real, baseado nun dispositivo equipado con sensores de caudal, temperatura e son, así como cunha válvula motorizada. Comunícase mediante WiFi ou LoRa, permitindo o envío de alertas a través dunha aplicación móbil, e destaca polo seu baixo custo, sinxela instalación e adaptación a zonas sen acceso a internet.

 

⚙ Configurar cookies
0.16672015190125