Cervantes acolleu a IV Xornada de degustación da Tenreira de Ancares e XII Feira de Artesanía

LugoXa
A deputada do BNG no Parlamento galego, Montse Valcárcel destacou que Cervantes merece que “se estableza máis dinamismo económico, fixando riqueza na comarca"
Festa-da-tenreira-de-Cervantes-2024
11 Nov 2024

San Román de Cervantes acolleu a IV Xornada de degustación da Tenreira de Ancares e XII Feira de Artesanía, na que participou o deputado de Medio Ambiente, Carlos López.

Organizada polo Concello en colaboración co CDR Ancares, a Cooperativa A Carqueixa e a Anpa do CPI de Cervantes, a cita consolídase este ano grazas á Deputación de Lugo, que colabora desde a primeira edición cunha achega económica, que este ano ascende a 4.115,60 euros.

Esta cita, que se desenvolveu no polideportivo do centro educativo do concello ancarés e que repartiu preto de 350 racións de carne, ten como obxectivo destacar a calidade do produto, o papel dos gandeiros e a importancia do sector primario na Montaña Lucense.

A deputada do BNG no Parlamento galego, Montse Valcárcel, tamén estivo neste evento no que participaron militantes e simpatizantes do BNG na comarca dos Ancares.

Montse Valcárcel declarou “a potencialidade agrogandeira desta comarca da Montaña é un exemplo da riqueza que ten Galicia, supón un motor económico sustentábel e integrador, onde a produción en extensivo e local son a chave”.

Valcárcel destacou que Cervantes merece que “se estableza máis dinamismo económico, fixando riqueza na comarca, o que contribuiría á creación de emprego e o asentamento da poboación, funcións vitais para manter un concello rural como é Cervantes”.

Neste sentido, Montse Valcárcel fixo fincapé na calidade da carne producida, xa que “é fundamental apoiar a produción en extensivo, fomentando o uso da pradaría, incentivando o desenvolvemento de explotacións apegadas ao territorio e dinamizadores do rural, construíndo así un modelo sustentábel e de futuro como son os produtores de Tenreira Galega Suprema”, concluíu.

0.20142292976379