Cervantes acolleu unha demostración de maquinaria forestal que reúne máis de 70 profesionais

GaliciaXa | LugoXa
A xornada permitiu ver en funcionamento robots de desbroce e maquinaria adaptada a zonas de montaña, xerando un notable interese entre os asistentes
Demostración-de-Maquinaria-Cervantes
10 Mar 2026

A demostración de maquinaria forestal celebrada estes días en Cervantes reuniu a máis de 70 persoas chegadas desde distintos puntos da xeografía, entre eles Pontevedra, Asturias, León e Cantabria, ademais de participantes procedentes do propio territorio.

Entre os asistentes atopábanse gandeiros, empresas dedicadas ao mantemento, profesionais especializados en tratamentos de viñedos, persoal de concellos, así como equipos encargados do mantemento de estradas, dos desbroces forestais e das liñas eléctricas, entre outros perfís vinculados ao sector.

Durante a xornada puido observarse en funcionamento diversa maquinaria deseñada especificamente para traballar en áreas de montaña. Entre os equipos máis destacados estiveron os robots de desbroce, que se controlan mediante botoneiras e permiten desenvolver tarefas en zonas con fortes pendentes sen poñer en risco a seguridade do persoal. Estes dispositivos presentáronse preparados para labores de desbroce, aínda que tamén admiten a incorporación de distintos apeiros que amplían as súas posibilidades de uso.

Ademais, as máquinas autopropulsadas destinadas ao mantemento de estradas amosaron tamén as súas prestacións, demostrando a súa capacidade para realizar tarefas de desbroce e desramado.

O interese suscitado foi notable, ata o punto de que ao remate da demostración quedaron acordadas catro máquinas, o que confirma o potencial destas tecnoloxías para o desenvolvemento de traballos forestais e de mantemento nun territorio con características como as da montaña.

A organización quixo trasladar tamén un agradecemento especial á Escola de Alta Montaña de Becerreá, que participou na actividade co seu alumnado, así como a todas as persoas que aproveitaron a oportunidade para probar os equipos e coñecer de primeira man o seu funcionamento.

0.12245917320251