Cervantes celebra a quinta Xornada Degustación da Tenreira de Ancares

Cervantes acolleu a quinta edición da Xornada Degustación da Tenreira de Ancares, unha cita que serviu para poñer en valor a calidade deste produto e o traballo dos gandeiros da zona.
O encontro desenvolveuse nun ambiente festivo, acompañado da XIII Feira de Artesanía e dunha ampla programación cultural que incluíu obradoiros, música tradicional, baile e un acto de homenaxe á cooperativa A Carqueixa, entidade de referencia no sector gandeiro da comarca.
A deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, destacou que a Deputación de Lugo colabora con esta iniciativa para “promover o territorio e apoiar accións que axudan a dinamizar o rural e a poñer en valor os seus recursos”. Subliñou tamén a calidade e o sabor da tenreira dos Ancares, asegurando que “a Deputación ten que estar aquí, apoiando un evento que promove un produto de primeira calidade e recoñece o traballo das familias gandeiras que manteñen vivo o noso rural”.
Durante a celebración servíronse arredor de 350 racións de carne e congregáronse decenas de persoas na localidade cervantega, nunha cita organizada pola ANPA do colexio de Cervantes, a cooperativa A Carqueixa e o Grupo de Desenvolvemento Rural Ancares. A Deputación de Lugo contribuíu con 6.500 euros para facer posible este evento que xa se consolidou como un referente de promoción do produto local e da economía rural da Montaña Lucense.