Cervantes e Baralla promoven a recolla de microtopónimos a través da aplicación Galicia Nomeada

Os concellos de Cervantes e Baralla acollen este luns, 6 de outubro, dúas novas sesións divulgativas nas que o público poderá aprender como participar na recolla de nomes de montes, leiras, soutos, camiños e outros microtopónimos mediante a aplicación colaborativa Galicia Nomeada.
A primeira actividade terá lugar no CPI de Cervantes ás 12 horas e a segunda celebrarase no Centro Sociocultural de Baralla a partir das 19 horas, ambas a cargo de Vicente Feijoo, coordinador técnico do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega (RAG).
En Cervantes, o alcalde, Benigno Gómez Tadín, xunto co tenente de alcalde, Miguel González Vilela, e o director do colexio, Pablo Gómez Esqueira, presentarán o relatorio que a RAG ofrece no marco da campaña desenvolvida coa Secretaría Xeral da Lingua. A sesión está dirixida ao alumnado, ás familias e á veciñanza do municipio. En Baralla, o acto contará tamén coa intervención do alcalde, Miguel González Piñeiro.
Ademais de explicar o funcionamento da plataforma Galicia Nomeada, que permite rexistrar e xeolocalizar microtopónimos de toda Galicia, Vicente Feijoo abordará a orixe e o significado dos nomes das parroquias e aldeas de ambos os concellos. No caso de Cervantes, deterse en etimoloxías populares como a que levou a incluír cervos no escudo municipal, malia que o topónimo non garde relación con este animal.
Durante a sesión de Baralla, Feijoo contará coa colaboración do académico Gonzalo Navaza para afondar en topónimos transparentes como Pedrafita de Camporredondo, Piñeira ou Covas, así como en outros únicos e enigmáticos, entre eles o propio nome de Baralla, que foi obxecto de estudo de autores como Menéndez Pidal, Rivas Quintas ou Nicandro Ares, sen que ata o momento se chegase a un consenso sobre a súa orixe.