Cervantes maniféstase contra o peche do consultorio de Doiras
A veciñanza de Cervantes mostrou o seu rexeitamento ao peche do consultorio de Doiras con unha concentración diante do mesmo. Na mesma participaron membros de distintas asociacións de Cervantes así como membros do PSOE, BNG e PP. Nesta concentración acordouse a recollida de sinaturas para esixirlle á Xunta de Galiza a permanencia deste consultorio pois, segundo a información trasladada polo conselleiro de sanidade no Parlamento, a Xunta non vai continuar prestando atención no consultorio de Doiras nos meses de xullo e agosto.
Ademais aseguran que mantén o escurantismo sobre as súas intencións de cara setembro, o que xera grandes dúbidas sobre o mantemento da prestación en Doiras deste servizo publico esencial. Até o de agora, o centro de saúde de Doiras viña prestando asistencia sanitaria de luns a venres entre as 10.00 e as 15.00 horas a un total de 238 persoas. Agora, esta poboación pode ter que desprazarse 18 quilómetros mais dos que xa fai agora. Unha distancia que en tempo se multiplica pola orografía do noso concello, chegando a desprazamentos de arredor de 40 minutos.
Esta situación é especialmente grave ao tratase dunha poboación de máis de 65 anos na súa maior parte que non dispón de servizo de transporte público. Isto supón unha vulneración flagrante dos dereitos fundamentais da veciñanza afectada directamente, que impide o seu acceso á sanidade pública de maneira próxima e afonda na desigualdade, cada vez maior, da poboación dos concellos rurais e especialmente da montaña. Ademais, afectará de xeito importante á calidade do servizo prestado no conxunto do concello.
Como asinantes encóntranse a Asociación cultural xuvenil A Cambela, Anpa CPI Cervantes, Os Xardois, BNG, PSdeG-PSOE, Rente ao Couce, Son de Cores, Casa Quindós, CDR Ancares, Teitos do Piornedo, FADEMUR, Asociación de mulleres rurais Ledicia, A.C. O Teixeiro. Deste xeito, rexeitan o peche do consultorio de Doiras e demandan á Xunta que cubra de maneira inmediata a praza de médica que fica vacante no centro de saúde de Doiras, así como que garanta a continuidade da enfermaría co obxectivo de que a poboación adscrita a este centro continúe a recibir asistencia con normalidade nel.