Cervantes mobilízase para esixir a cobertura inmediata das prazas médicas vacantes

A veciñanza de San Román concentrouse fronte ao centro de saúde para denunciar a situación sanitaria que atravesa o concello de Cervantes e reclamar a cobertura inmediata das prazas médicas que permanecen vacantes. A mobilización serviu para visibilizar a crecente preocupación da poboación ante a perda progresiva de atención sanitaria básica na zona.
Nas últimas semanas, as veciñas e veciños de Cervantes tiveron coñecemento de que unha das dúas prazas médicas do centro de saúde de San Román quedou sen cubrir, sen que a Consellaría de Sanidade trasladase ningunha previsión para a súa reposición. Pola contra, todo apunta a que o servizo pasará a prestarse de maneira eventual, unha circunstancia que supón un novo recorte na atención primaria do concello.
Esta situación agrávase aínda máis polo feito de que a praza médica do consultorio de Doiras permanece vacante desde o ano 2024, a pesar dos reiterados anuncios e compromisos da Xunta de Galicia. Como consecuencia, Cervantes pasou de contar con tres prazas médicas operativas a dispoñer unicamente dunha activa, mentres dúas continúan sen cubrir.
Durante a concentración, a veciñanza acordou manter as mobilizacións ata que a Xunta repoña a asistencia sanitaria no concello e garanta unha atención estable e continuada.
A deputada do BNG no Parlamento galego, Olalla Rodil, advertiu da gravidade do escenario actual, lembrando que se trata dun concello moi envellecido e cunha poboación moi dispersa, no que os desprazamentos ata San Román son longos e complexos. Reducir a atención médica a un servizo eventual, sinalou, supón unha irresponsabilidade que pon en risco a saúde da poboación.
A deputada nacionalista alertou tamén de que a situación podería empeorar aínda máis se a profesional que ocupa actualmente a única praza cuberta decide xubilarse, o que deixaría a Cervantes practicamente sen atención médica estable. A mobilización, explicou, é unha chamada de atención clara para reclamar médicos e médicas de maneira inmediata e non solucións provisionais.
Rodil concluíu sinalando que é o momento de alzar a voz e denunciar o que o PP, desde a Consellaría de Sanidade, está a facer cun dereito básico como é a saúde, e chamou a dicir abonda aos recortes que afectan ao rural galego.