Cervantes, Navia e Becerreá énchense de actividades en marzo
A Deputación de Lugo organiza unha nova programación de actividades de divulgación e educación ambiental sobre a Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá, un territorio recoñecido pola UNESCO que xestiona a propia institución provincial.
As seis accións, totalmente gratuítas, desenvolveranse durante o mes de marzo en distintos puntos dos concellos que conforman a Reserva: Cervantes, Navia de Suarna e Becerreá. Todas aquelas persoas interesadas en anotarse para participar nalgunha das actividades poderán reservar a súa praza chamando ao 982 227 812 ou 982 227 813, e tamén a través do correo electrónico ancareslucenses@deputacionlugo.org e as inscricións faranse por rigorosa orde de reserva.
Estas iniciativas forman parte da liña de traballo que se marca a Deputación de Lugo dende as dúas Reservas que xestiona para impulsar accións e actividades que redunden na conservación e mellora do territorio a través da sensibilización e divulgación.
O programa está dirixido a todos os públicos e inclúe obradoiros, concertos e cursos. En Becerreá o 11 e 12 de marzo estará a actividade dirixida a adultos de Demouca e recuperación de soutos abandonados que terá lugar no Centro Social de Becerreá en horario de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 cun total de 15 prazas dispoñibles.
Os días 11, 18 e 25 de marzo haberá o Curso de debuxo sobre o patrimonio artístico e natural dos Ancares unha actividade orientada a nenos e nenas, no Centro Social de Becerreá, en horario de 16.30 a 19.30 cun total de 15 prazas dispoñibles.
En Navia de Suarna os días 11 e 18 de marzo estará o Obradoiro de vimbio orientado a adultos, na Escola de Barcia, entre as 16.30 e 21.00h cun total de 15 prazas dispoñibles. E o 22 de marzo o Curso de cociña tradicional con produtos dos Ancares dirixido a adultos no Bar Xegunde, de 16.00 a 20.00 e cun total de 15 prazas dispoñibles.
En Cervantes a primeira actividade terá lugar o 22 de marzo cun Concerto didáctico sobre sons da natureza que se realizará con motivo do Día Mundial da Auga no CPI Cervantes, en horario de 12.30 a 13.30h e está dirixida a nenos e nenas. O día 25 de marzo haberá o Obradoiro de vimbio dirixido a adultos e farase no edificio de Servizos Múltiples en horario de 16.00. a 20.00 e con 15 prazas dispoñibles.
15.