Cervantes organiza unhas xornadas para descubrir Os Ancares como forma de vida

LugoXa
A actividade desenvolverase os días 20 e 21 de decembro, cun programa que combina sesións teóricas e saídas ao campo
Os-Ancares
12 Dec 2025

O Concello de Cervantes vén de anunciar a celebración das xornadas “Os Ancares, unha forma de vida: vivencias, costumes, traballos e oficios, flora, fauna e patrimonio”, unha proposta formativa e divulgativa pensada para achegar ao público a riqueza natural, cultural e etnográfica da zona.

A actividade desenvolverase os días 20 e 21 de decembro, cun programa que combina sesións teóricas e saídas ao campo, permitindo ás persoas participantes coñecer de primeira man o territorio e a súa identidade.

O día 20, as xornadas celebraranse en horario de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas. Durante a tarde realizarase tamén unha saída de campo, orientada a observar elementos do patrimonio natural e tradicional da comarca.

O día 21, a actividade continuará de 09:00 a 13:00 horas, incluíndo igualmente unha saída de campo durante a mañá, na que se profundará no coñecemento da flora, fauna e usos tradicionais do medio.

As xornadas contan cun máximo de 15 prazas para o público en xeral, polo que é necesaria inscrición previa. O punto de encontro será o Edificio de Servizos Múltiples (Casa da Catoira), situado no propio municipio.

As persoas interesadas poden inscribirse na oficina do Concello ou chamando ao teléfono 982 36 49 04, sendo imprescindible formalizar a inscrición antes do 18 de decembro.

Con esta iniciativa, o Concello de Cervantes, en colaboración coa Deputación de Lugo e a Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses, busca poñer en valor un dos territorios máis singulares da provincia.

⚙ Configurar cookies
0.095530986785889