Animan a participar na gala solidaria para apoiar a inclusión das persoas con diversidade funcional de Auxilia Lugo

Auxilia Lugo presentou a súa Gala Solidaria, unha iniciativa destinada a recadar fondos en favor da inclusión e da igualdade das persoas con diversidade funcional na provincia.
A Gala terá lugar o vindeiro 12 de setembro, ás 18:30 horas, no Auditorio Gustavo Freire de Lugo, e contará coas actuacións do cantautor Adrián Vigo, do grupo tradicional Airiños de Orbazai e da banda de música celta Milesios.
As entradas, cun prezo solidario de 10 euros, poderán adquirirse no propio acceso ao auditorio o día do evento. Ademais, habilitouse unha Fila 0 para aquelas persoas que non poidan asistir, cunha doazón simbólica de 8 euros a través do código BIZUM 12495.
No acto de presentación, o deputado Pablo Rivera fixo un chamamento á participación cidadá, lembrando que cada vez que a sociedade se implica en proxectos como o de Auxilia “estamos a dicir que queremos unha provincia que se sosteña no coidado mutuo, no respecto e na igualdade real”. O representante provincial destacou tamén que non se trata dun xesto pequeno, senón dunha “declaración colectiva de quen somos e cara onde queremos camiñar como sociedade”.
Rivera Capón lembrou, ademais, que a Deputación colabora con Auxilia Lugo e coa súa delegación de Monforte de Lemos en programas como o de promoción da autonomía persoal no domicilio rural, unha iniciativa que busca mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade física residentes en concellos rurais da provincia.