Chega a Lugo a exposición sobre a evolución da boneca Barbie que combina o cine e a moda
Unha nova exposición sobre a boneca máis famosa do Lugo chega ao MIHL de Lugo. Barbie: Cine e moda reunirá nas instalacións do museo máis de 180 edicións limitadas dunha das figuras máis recoñecidas no mundo, “nalgúns casos de 25.000 exemplares e noutros de tan só 999 en todo o planeta”, destacou a concelleira Maite Ferreiro.
Trátase da primeira exposición en todo o estado dirixida ao mundo do cine e a moda; combinando cultura, historia e diversión para todos os públicos. O público asistente poderá observar a evolución da boneca no tempo, con todas as edicións documentadas e datadas, expostas en urnas de metacrilato e acompañadas de máis de 40 carteis de películas que completarán o espazo.
Na exposición, destaca a vestimenta e as roupas das bonecas. Desde a súa creación Barbie foi vestida polos grandes deseñadores e deseñadoras de moda de todos os tempos: Armani, Versace, Pertegaz, Óscar de la Renta, Christian Dior e moitas máis. “Algúns dos seus modelos podemos velos nesta exposición que conta, ademais, cun deseño realizado por Lorenzo Caprile en exclusiva para ‘Barbie: Cine e moda’, explicou Ferreiro.
Cambios culturais a través da vestimenta
A vestimenta evolucionou ao longo dos anos reflectindo os cambios culturais e sociais dende o seu comezo nos anos 50, “con vestimentas máis tradicionais, ata deseños contemporáneos, o que converteu á boneca en indicador visual das tendencias e valores de cada época”. A partir dos modelos, poderemos observar a evolución histórica e creativa da boneca Barbie, comezando por roupas do Antigo Exipto, Grecia ou a Idade Media, pasando polo Renacemento e ou a época Victoriana, e chegando aos comezos do noso século ata os nosos días.
A introdución de diferentes estilos, cores e patróns crea unha maior conciencia da diversidade na moda e na sociedade en xeral. Así, a evolución da vestimenta do xoguete non só persigue as tendencias da moda, “senón que tamén reflicte cambios máis amplos na percepción da beleza e a identidade”, concluíu a concelleira.