Chega a Lugo a exposición 'Xaquín Marín. Humor Líquido Galego'

LugoXa
A mostra poderá visitarse no Vello Cárcere ata o vindeiro 10 de outubro
xaquin-marin-humor-liquido-exposicion
Arroxo e Ferreiro, visitando a mostra
19 Xul 2024

O tenente alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, e a concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, visitaron no Vello Cárcere a exposición Xaquín Marín. Humor Líquido Galego, que chega á cidade de Lugo despois de estrearse en abril na Coruña, como segunda parada dunha itinerancia por diversas cidades e vilas de Galiza. A exposición, realizada pola Federación de asociacións culturais Galiza Cultura, ten como obxectivo dar a coñecer, ao máximo posíbel na sociedade galega, a vasta obra do autor, como recoñecemento a unha longa traxectoria profesional e vital.

Maite Ferreiro, concelleira de Cultura, destacou a obra de Xaquín Marín como "parte da memoria colectiva das galegas e galegos", e afirmou que o traballo de Xaquín Marín "recolle os sucesos máis importantes do noso pobo ao longo dos últimos 60 anos".

Xaquín Marín. Humor líquido galego poderá visitarse no Vello Cárcere ata o vindeiro 10 de outubro. A mostra enmárcase dentro do ciclo de actividades que desenvolve Galiza Cultura ao redor da obra do pintor, humorista gráfico, creador de banda deseñada, cartelista, ilustrador e muralista. O proxecto, iniciado no ano 2022 é unha oportunidade única para ter unha imaxe o máis completa posible do universo de ideas e dos procesos creativos dun artista tan polifacético e singular como é Xaquín Marín.

Deste xeito, e grazas un traballo minucioso de selección realizado durante este tempo, cun florilexio único e moi escollido, poderanse (re)descubrir os inicios de Xaquín Marín como pintor social e a posterior evolución na procura dunha arte xenuinamente galega, quizais a parte máis descoñecida polo público de toda a súa carreira.

Asemade, esta selección dá a posibilidade de repasar o seu vasto traballo no campo do humor gráfico e da banda deseñada e a súa incansable defensa de Galiza e da lingua galega e o seu fondo compromiso cos intereses das galegas e os galegos asistindo ao nacemento de personaxes ou series xa icónicas como Gaspariño, o Pé, Isolino, o cacique Don Augusto, Lixandre, Tonecho, Caitano ou o Xinete, pois a mostra tenta seguir os pasos do seu inabarcable labor, tamén, como ilustrador, cartelista, portadista, muralista, conferenciante, escritor ou divulgador.

Nesta mostra pódense ver algúns proxectos do autor que por uns motivos ou outros acabaron nun caixón e permaneceron até o día de hoxe inacabados ou inéditos, amosándose por primeira vez ao público, pequenas primicias que completan ao conxunto da obra xa publicada e coñecida.

0.073389053344727