Chega a Lugo a III edición do ciclo de espectáculos Tarde e Tardiña

LugoXa
Xa se presentou a terceira edición do ciclo de espectáculos para público infantil e familiar Tarde e Tardiña.
maite ferreiro lugo
11 Jul 2021

Xa se presentou a terceira edición do ciclo de espectáculos para público infantil e familiar Tarde e Tardiña. Así pois, dito ciclo consiste nunha serie de actuacións de música, teatro e narración oral que se poderán ver e desfrutar na Canella do Hospital durante as tardes dos xoves. Desta forma, o horario do espectáculo para público familiar será ás 18.30 horas, mentras que para o público adulto será ás 21 horas.

Tarde e Tardiña comezará o vindeiro xoves 15 de xullo, e os espectáculos para público adulto traerán seis noites de recitais onde varias das mellores voces da poesía galega contemporánea entrarán en diálogo coa música e outras disciplinas e linguaxes.

 

Chus Pato, Olalla Cociña, Oriana Méndez, Piti Sanz, Antía Otero, Gonzalo Hermo, Ismael Ramos, Alba Cid, Leo Arremecághona, Xiana Arias, Olalla Cociña, Nieves Neira, Lois Pérez, Jesús Castro, Luís Monsalve, Xurxo Chapela e Samuel L. París son as participantes desta II edición do Tarde Tardiña, que aspira a converterse nun referente dos ciclos de poesía galega.

Todos os eventos de Tarde e Tardiña terán lugar na Canella do Hospital, e en caso de choiva trasladaranse á carpa da praza da Soidade. A entrada será gratuíta ata completar a cabida do recinto. Poderá solicitarse máis información nas redes sociais da área de Cultura ou no 010 (982 297 350).

Programación Tarde e Tardiña 2021

As xornadas comezarán o vindeiro xoves 15 de xullo, ás 18.30 horas co espectáculo The Show Moscón, de Galitoon. A duración será de 50 minutos e a idade recomendada é a partir de 2 anos. Así pois, The Show Moscón é un circo de títeres ambulante de varietés, presentado por un moscón gordecho. Un marabilloso circo, representado por un armario que abre as súas portas para mostrar os diferentes números que se atopan no seu interior.

Despois deste espectáculo será o turno de Un verso estoura na tarde, unha actuación realizada por Tamara Andrés, Nieves Neira, Xerardo Quintiá e Luís Monsalve (piano). O espectáculo está composto por dúas voces cunha enorme proxección: a poética intelixente e sutil da lucense Nieves Neira e a poesía médium da combarresa Tamara Andrés, canda a lectura do Manifesto do ciclo a cargo dun dos poetas lucenses máis destacados da súa xeración, Xerardo Quintiá.

O xoves 22 de xullo, na primeira sesión -ás 18.30 horas- comezará Abracadaver, de AsSircópatas, un espectáculo recomendado para todos os públicos que ten unha duración de 45 minutos. A actuación trata dunha cura colectiva para perder o medo. Cos números de circo máis terroríficos que xamais se viron e que nos porán os pelos de punta. Malabares, faquirismo, acordeón, equilibrios e moitas sorpresas máis non aptas para cardíacos.

Na sesión das 21 horas Chus Pato, Oriana Méndez, Xabier Xil Xardón e Leo Arremecághona serán os encargados de amenizar a noite cunha actuación que transita o verso como unha estrada do mar, unha pista forestal, a segunda vía. Chus Pato, unha das voces fundamentais e de máis percorrido internacional da poesía galega contemporánea, a poética críptica e exploratoria de Oriana Méndez e o ensamble de versos con ecos do Delta de Matamá: a reivindicación do rural coa poesía lúcida de Xabier Xil Xardón e a transgresión rebelde do Leo Arremecághona.

Para finalizar xullo, o día 29, levarase a cabo en primeiro lugar Carman, de Javier Ariza, unha comedia de rúa para un showman e un Seat 600, un divertido espectáculo no que o coche icónico da mobilidade cobra vida e rematará por conducir sen conductor nunha rutina musical e circense que pode chegar a Eurovisión. A idade recomendada é a partir de 4 anos e a duración é de 50 minutos. En segundo lugar, será o turno de Ítaca Paradiso unha actuación levada a cabo por Antía Otero, Alba Cid, Ismael Ramos, Gonzalo Hermo e Luís Monsalve (piano).

Xa en agosto, o día 5, actuará Paporrubio con Varietés do animalario, unha obra desenvolta nun contexto humorístico e divertido que tratará dos conflitos dunha raposa e un lobo. A idade recomendada é a partir dos 3 anos e a duración é de 50 minutos.

Na segunda actuación, ás 21 horas, será o turno de Poesía pulp(o) realizada por Piti Sanz, Xurxo Chapela e Samuel L París. Un espectáculo no que os poetas lle mudan o nome ás cousas chamándoas polo que son. O Far West do rupturismo anti-poético ten un pé en Muros e outro en Carballo.

O xoves 12 de agosto comezará a xornada Maintomano coa súa actuación Kaldi que trata dun ser que fala a través de acrobacias aéreas e movementos sobre o mundo do café. A sesión está recomendada para todos os públicos e ten unha duración de 50 minutos. Xa na tardiña, ás 21 horas, actuarán Lois Pérez, Lito Pereira e Lucha Panorama co seu Lírica Piringalla.

Finalmente, para pór punto e final ao ciclo de espectáculos, levarase a cabo o xoves 19 de agosto a actuación Nono, de Pistacatro, onde se poderá disfrutar de malabares, mimo, manipulación de marionetas, clown e un mundo sen palabras. Unha actuación chea de humor dirixida a todos os públicos e cunha duración de 40 minutos. Para rematar, ás 21 horas, será o turno de Tres tristes tigres, protagonizada por Xiana Arias, Beiro Molina, Olalla Cociña e Jesús Castro que tratan versos prófugos no código morse da xeografía lucense.

0.16684103012085