Chega a Lugo a mostra 'Lume, imaxes dunha terra que arde'

LugoXa
A mostra fotográfica contén 13 paneis con fotografías sobre incendios forestais capturadas nos últimos 15 anos por fotógrafos galegos.
mostra imaxes terra arde
16 Out 2023

A mostra fotográfica contén 13 paneis con fotografías sobre incendios forestais capturadas nos últimos 15 anos por fotógrafos galegos. Afundación e o Concello de Lugo achegan a Lugo a mostra fotográfica realizada polo Colectivo Ollo e o proxecto Plantando Cara Al Fuego da USC.

Maite Ferreiro, concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, xunto con Alexandre Penas, asistiron á inauguración da exposición Lume, Imaxes dunha terra que arde, que chega a Lugo nunha das súas paradas polas cidades galegas. A mostra recolle en 13 paneis unha selección de imaxes capturadas nos últimos 15 anos por fotógrafas e fotógrafos de Galiza. A mostra trata sobre os incendios forestais, e está organizada polo Colectivo Ollo en colaboración co proxecto Plantando Cara Al Fuego da USC.

Os incendios forestais son un dos grandes problemas ambientais aos que se enfronta Galiza. A través da mirada íntima dos fotoxornalistas e as sensacións que as súas imaxes trasladan, o obxectivo é apelar directamente ao espectador para, a través das emocións, implicar á cidadanía na busca da solución a este desafío. Os autores e autoras son profesionais da fotografía e do audiovisual independente, que desenvolven o seu traballo para diferentes medios galegos e nacionais, mais desenvolven un labor fotográfico paralelo máis persoal enfocado cara ao documentalismo pausado. Vanessa Casteleiro, Óscar Corral, Agostiño Iglesias, Brais Lorenzo, Adra Pallón, Óscar Pinal e Paula Quiroga son os nomes que están detrás das imaxes que conforman a exposición. Trátase de escenas impactantes, que amosan as sensacións da experiencia vivida pola poboación que tivo que sufrir un incendio, así como da experiencia dos traballadores e traballadoras implicados nos labores de extinción, invitando así a crear un espazo para a reflexión.

O novo panorama medio ambiental que se nos está a presentar, así como a propia acción do ser humano no territorio, contribúen a alterar os réximes dos incendios. Así, debemos traballar conxuntamente nunha mirada renovada fronte o lume, achegando novas liñas de traballo alén da extinción na que a implicación cidadá é vital. A experiencia demostra que poñer o foco na sensibilización e prevención axuda a que a poboación este máis preparada e as paisaxes sexan máis resistentes ante o lume.

«Lume. Imaxes dunha terra que arde» vai acompañada dunha unidade didáctica para os escolares deseñada para traballar na aula dun xeito riguroso e divulgativo, co obxectivo de compartir coas novas xeracións as causas, consecuencias, perigos e boas prácticas, fundamentais para reducir a virulencia dos incendios nos montes galegos. Información, xogos, actividades e reflexións adaptadas ao alumnado de entre 5º de Primaria e 2º da ESO.

0.21265292167664