Chega a Lugo Mexicráneos, a mostra de arte urbano máis grande de México

LugoXa
Trátase dun proxecto artístico que busca eliminar tabús e espertar na sociedade a necesidade de falar sobre a morte
Mexicraneos
8 Ago 2024

Nas vindeiras semanas a praza Maior acollerá a exposición Mexicráneos, unha mostra da cultura mexicana arredor da morte e das celebracións que realizan polo "Día de los muertos". Trátase dun proxecto artístico que busca eliminar tabús e espertar na sociedade a necesidade de falar sobre a morte enchendo as rúas de arte. O tenente alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo afirmou que "esta exposición é a maior mostra de arte urbano de México, unha mostra que segundo os organizadores conta con máis de 12 millóns de visitantes en todo o mundo".

A mostra Mexicráneos conta con dúas exposicións establecidas actualmente na Cidade de México e en Houston, nos Estados Unidos, xunto cunha mostra itinerante composta por 10 figuras que percorreu distintas cidades do mundo, e que a partir do 14 de agosto poderá visitarse na praza Maior de Lugo. En total, a mostra distribuíu 170 cranios monumentais arredor de todo o mundo e contou coa participación de máis de 1.500 artistas mexicanos e internacionais.

Mexicráneos é unha iniciativa cultural que ofrece unha nova forma de achegarse á morte a través da arte. Trátase dunha exposición de arte urbano de cranios monumentais, onde o arte tradicional e moderno se unen grazas ás mans de artistas emerxentes e consolidados que buscan romper o tabú da morte. Mexicráneos é una versión actualizada dos rituais prehispánicos que consistían en adornar os cranios nos enterros e exhibilos durante as cerimonias, facendo das caveiras un símbolo vital ao que se rezou ao longo da historia.

A mostra chega a Lugo grazas á colaboración do Grupo Albia coa área de Participación, dentro da liña de traballo da área de goberno de prestación de servizos relacionados coa morte, tanto no aspecto material centrado nas exequias e honras fúnebres, como nos relacionados coa dor pola perda e atención ás familias, como todas as actividades relacionadas coa cultura funeraria.

 

0.19792103767395