Chega a Lugo 'Vía Morta', a montaxe teatral que achega a realidade dos refuxiados
Este xoves día 22 de febreiro o auditorio municipal Gustavo Freire acolle a función Vía Morta a partir das 20.30 horas. Pretende ser, máis que un espectáculo teatral, unha experiencia a través do teatro. Unha montaxe teatral que pretende traer a realidade dos refuxiados e refuxiadas ao público de Galicia a través dunha proposta que converte ao espectador nun refuxiado máis.
A obra denuncia a traxedia que as políticas migratorias da UE están a provocar. O teatro non pode permanecer impasible ante a deliberada política de esquecemento á que as persoas refuxiadas son hoxe sometidas. Este espectáculo fala sobre a triste situación dos millóns de refuxiados e refuxiadas aos que, aínda hoxe, a Unión Europea pecha as súas portas.
Agora que as persoas que, fuxindo da guerra, do terrorismo, de tiranos ou da fame, cruzan o Mar Mediterráneo xa non son noticia e deixaron de aparecer nos medios de comunicación, a nosa montaxe pretende achegarnos á súa realidade e denunciar a hipocrisía dunha política comunitaria que vulnera principios básicos da lexislación internacional obrigándoos a vivir en miserables campamentos máis aló das súas fronteiras, cando podería acollerlles e darlles o refuxio ao que teñen dereito.