Chega ao Vello Cárcere a exposición Soños, do pintor Manuel Pérez
A concelleira de Cultura, Turismo, e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, inaugurou esta tarde a mostra Soños, unha compilación de obras do pintor autodidacta Manuel Pérez Villar
Procedente de Navia de Suarna, Manuel Pérez Villar é un pintor autodidacta que leva debuxando dende moi neno e pintando en técnica ó óleo sobre lenzo dende os vinte anos. Os seus cadros mesturan o realismo co impresionismo e co romanticismo. Ten participado en diversas exposicións en Navia de Suarna e en Lugo, ademais de nalgunha exposición colectiva.
As obras que conforman esta exposición reflicten as paisaxes da montaña dos Ancares, as súas noites, que quizais sexan as mais representativas do sentir do autor, e que queren trasladar a quen as contempla a beleza e o sentimento que nos envolve nese entorno tan especial e fermoso.
A mostra pode visitarse no Vello Cárcere, ata o vindeiro 29 de febreiro, nas celas de homes da planta baixa.