Chega o cine ao aire libre a Outeiro de Rei, Sober, Xove e Mondoñedo

TerraChaXa | LugoXa | RibeiraSacraXa | AMariñaXa
Presentaron o programa Redecinema, unha proposta de cine en galego ao aire libre coa que a Xunta de Galicia amplía a oferta de ocio para este verán dentro do programa de dinamización lingüística FalaRedes 2023.
Cine aire libre
16 Xul 2023

Presentaron o programa Redecinema, unha proposta de cine en galego ao aire libre coa que a Xunta de Galicia amplía a oferta de ocio para este verán dentro do programa de dinamización lingüística FalaRedes 2023.

Ten o obxectivo de “achegarlle o cine en galego á xente e dunha maneira especial á xente nova, que se move moito máis no ámbito da cultura audiovisual; e tamén é importante que as propostas de ocio en galego estean na rúa, onde se vexan ben e onde todo o mundo poida gozar delas”.

Pola súa parte, o director de Industrias Culturais celebrou a oportunidade que esta programación supón para a difusión entre un público amplo do cinema producido en Galicia nun momento no que está a acadar a súa maior actividade, así como o valor da experiencia de gozalo en pantalla grande e dun xeito descentralizado xeograficamente.

Concellos participantes

Redecinema é un ciclo de proxeccións de filmes en galego en formato cinema de verán (ao exterior e con gran pantalla) que viaxará por 18 concellos membros da Rede de Dinamización Lingüística durante os meses de estío. Para chegar a todos os públicos, a compañía ofrece a cada concello a oportunidade de elixir entre os títulos do seu catálogo: Cuñados, Melancolía, A Galiña Turuleca, A illa das mentiras, Engurras, Eroski-paraíso, Jacinto e O que arde.

O primeiro pase será este sábado 15 na praza do Concello de Negreira, onde as persoas interesadas poderán achegarse ás 22,30 horas para gozar do filme de animación infantil e familiar A galiña Turuleca. Despois seguirá por Forcarei, Outeiro de Rei, Allariz, Ponteareas, Laxe, A Laracha, Ares, Xove, Sober, Lobios, Viana do Bolo, Maside, Barro, Silleda, O Rosal, Beariz e Mondoñedo. As datas, horas e lugares exactos poderán consultarse na Axenda de Cultura de Galicia e no Portal da Lingua Galega.

Máis de 2.500 actividades culturais

Con esta nova proposta, o FalaRedes suma xa 73 accións de ocio en galego para repartir entre os concellos da rede durante os próximos meses. A XII edición deste programa de dinamización lingüística forma parte de CulturON, a iniciativa da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades que suma máis de 2.500 actividades culturais previstas para este verán en colaboración con distintos concellos e entidades.

0.16381692886353