Chega o festival Mariñas Sound, que este venres traerá música urbana e electrónica a Lugo

A Delegación Territorial da Xunta en Lugo acolleu a presentación do festival Mariñas Sound, que se celebrará este venres no Pazo de Feiras e Congresos. No acto participou o delegado territorial, Javier Arias, xunto a unha representación da organización encabezada por Bruno Castro, quen destacou a aposta por un formato que mestura música urbana e electrónica con artistas recoñecidos e emerxentes.
Trátase da segunda edición do festival na cidade lucense, logo de que a súa estrea tivese lugar o pasado mes de xullo en Betanzos. O cartel combina figuras de referencia no panorama nacional con talentos locais, co obxectivo de converterse nun espazo de encontro para diferentes estilos e públicos.
Os concertos darán comezo ás 19:00 horas e prolongaranse ata as 4:00 da madrugada. Entre os nomes confirmados figuran Kidd Keo, C. Marí, Groove Amigos, Skinyz, Sote, Carlittos, Borja Solla e Unai.