Chega o mes da ciencia en galego á Biblioteca Pública de Lugo

LugoXa
A Biblioteca Pública da Xunta en Lugo ofrece diversas actividades de carácter científico ao longo de novembro
biblioteca publica lugo
5 Nov 2021

A Biblioteca Pública da Xunta en Lugo ofrece diversas actividades de carácter científico ao longo de novembro, no marco do mes da ciencia en galego nas bibliotecas. Obradoiros infantís de achegamento á figura das científicas galegas Ánxeles Alvariño e Isabel Zendal e de tecnoloxía e ciencia na obra de Xulio Verne, xunto a mostras bibliográficas, centran a programación enmarcada nesta celebración. O Día contra a violencia de xénero, na xornada do 25, é o eixe doutras propostas, como un faladoiro coa escritora Antía Yáñez e un contacontos a cargo de Soledad Felloza. A información sobre as actividades, que requiren inscrición previa, está dispoñible na web do centro. 

O venres 5 haberá un obradoiro de achegamento á figura de Isabel Zendal, coidadora e enfermeira dos 22 nenos e nenas que cruzaron o Atlántico para levar a vacina da varíola a América, e á oceanógrafa Ánxeles Alvariño, para coñecer as súas expedicións e descubrimentos de especies e microorganismos. Nela o público de 4 a 12 anos realizará experimentos sobre viroloxía e inmunoloxía desde un enfoque cómico e teatral a cargo de Fatiropina. Desenvolverase en dúas sesións que terán lugar ás 17,00 e ás 18,00 horas.

O día 12, ás 17,00 horas, será a quenda do obradoiro dirixido a nenos e nenas de 6 a 12 anos para aprender a facer un herbario, ao tempo que coñecen as especies vexetais da contorna mediante un percorrido polos arredores da biblioteca. Na xornada do 19, afondarase na ciencia e a tecnoloxía na obra de Xulio Verne da man de Ciencia Kids. Destinada tamén á rapazada de 6 a 12 anos, desta actividade haberá tres sesións, ás 17,00 ás 18,00 e ás 19,00.  Ademais, co gallo do mes da ciencia nas bibliotecas instalaranse diferentes mostras bibliográficas e audiovisuais , tanto para público adulto como infantil.

A maiores da programación centrada no eido científico, ao longo de novembro haberá outras propostas, como a presentación do libro Manuel Regueiro Tenreiro. Harmónico bilingüismo…Harmonía vital que terá lugar o día 15 ás 20,00 horas. 

DÍA CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

O 25 de novembro, Día contra a violencia de xénero, a biblioteca acollerá ás 12,00 horas un faladoiro coa escritora Antía Yáñez arredor da súa novela Senlleiras para público a partir de 16 anos. No marco desta conmemoración, o mes péchase co contacontos Érase outra vez. Contos para cambiar o conto, a cargo de Soledad Felloza, para nenas e nenos de 4 a 12 anos. A sesión será o 26 ás 18,00 horas e nela afondarase nos valores da igualdade, o respecto e a tolerancia.

Canto ás mostras, estarán dispoñibles unha selección de libros para lembrar artistas españois do mundo da música que faleceron e deixaron o legado das súas cancións, así como unha escolma de publicacións sobre cociña tradicional de outono. 

Cómpre sinalar tamén que ata o día 10 continúa a exposición Xuventude Crea, máis dunha década. Unha mirada ao pasado. Unha mirada ao futuro, organizada pola Dirección Xeral de Xuventude e de Voluntariado. A través de 29 obras premiadas no certame Xuventude Crea ao longo dos seus catorce anos de historia, ofrécese unha representación da creación contemporánea galega en eidos que van desde o deseño de moda ou a xoiería ata a escultura, fotografía ou banda deseñada

0.14096117019653