Chegan ao seu fin as Olimpíadas Rurais de Friol cunha ampla participación

LugoXa | TerraChaXa
Os premios foron para os Lamalexos, de Castroverde, que acumularon 380 puntos, seguidos de os frioleses Juais Team, con 333, e Trasjalaicos, que chegaron a 318
olimpiadas-rurais-de-friol
23 Jun 2025

O alcalde de Friol, José Ángel Santos, fixo este luns unha valoración moi positiva das II Olimpíadas Rurais de Galicia, que se celebraron esta fin de semana no municipio e que congregaron a 14 equipos participantes nun ambiente de competición, convivencia e festa rural. Expresou publicamente o seu máis sinceiro agradecemento a todas as persoas que fixeron posible esta segunda edición, tanto participantes como colaboradores e institucións.

Os premios foron para os Lamalexos, de Castroverde, que acumularon 380 puntos, seguidos de os frioleses Juais Team, con 333, e Trasjalaicos, que chegaron a 318.

Santos destacou a implicación e o entusiasmo dos equipos participantes, que contribuíron “de maneira decisiva ao éxito desta edición, cunha competición san e un ambiente memorable”. Subliñou especialmente o esforzo e dedicación das persoas que integraron os 14 equipos que protagonizaron estas olimpíadas, valorando a súa entrega como “invaluable”.

O alcalde tamén agradeceu o apoio da Xunta de Galicia, nomeadamente da conselleira do Medio Rural, María José Gómez, “pola súa sensibilidade, implicación e respaldo desde o primeiro momento para facer realidade este evento”. Tamén tivo palabras de recoñecemento para Turismo de Galicia, que xunto coa Consellería financian integramente esta iniciativa.

Ademais, Santos puxo en valor o traballo do Colectivo Hércules, organizador do evento, e en especial o seu presidente, Thor López, “que ao longo de todo o ano traballou no deseño do programa e na organización das probas, unha tarefa que merece o noso recoñecemento”.

O alcalde pechou a súa intervención cun desexo de continuidade: “Espero seguir contando co apoio de todos no futuro, e que esta experiencia única e especial fora gratificante para todas as persoas que formaron parte dela”. E rematou cunha mensaxe de entusiasmo para a próxima edición: “Vémonos o ano que vén, nas III Olimpíadas Rurais de Galicia!”.

Pola súa banda, a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, participou na entrega de premios, onde salientou a importancia que teñen este tipo de iniciativas para dinamizara nivel social, cultural e económico as zonas rurais da nosa comunidade.

A conselleira destacou que esta iniciativa contribúe de xeito significativo a “manter vivo o noso rural”. Seguindo esta liña, lembrou a importancia de preservar as tradicións e de desenvolver actividades de reclamo.

María José Gómez trasladou os seus parabéns aos galardoados nesta segunda edición, facendo unha mención especial a todas aquelas persoas que decidiron participar nas Olimpíadas Rurais de Galicia, xa que “son a proba” de que o rural galego está cheo de oportunidades.

⚙ Configurar cookies
0.16607093811035