CHMS e o delegado do Goberno poñen en valor o investimento na conca do Miño

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | RibeiraSacraXa
Durante o encontro, ambos destacaron a vocación municipalista da institución, mellorando os servizos públicos a través do saneamento e da recuperación de áreas fluviais
reunion-pedro-blanco-jose-antonio-quiroga-chms
4 sep 2024

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, e o presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, José Antonio Quiroga, salientaron o traballo realizado por este organismo para paliar as necesidades dos concellos galegos, nos que leva investidos máis de 60 millóns de euros. Os dous representantes mantiveron unha xuntanza na Delegación do Goberno, na que avaliaron as melloras feitas polo Goberno na conca do Miño-Sil.

“Estas accións, levadas a cabo polo Goberno a través da Confederación Hidrográfica, subliñan a súa vocación municipalista ao estar a maioría delas sitas en concellos pequenos, cos que a Confederación colabora para mellorar os seus servizos públicos básicos, como saneamento ou a recuperación dos espazos fluviais para a cidadanía”, sinalou o delegado do Goberno.

Nesta liña, Pedro Blanco lembrou casos concretos, como o de Sarria, que modernizou o seu saneamento a través de 3,5 millóns de euros da CHMS, ou o de Calvos de Randín, onde se mellorou a depuración de augas cun investimento de 250.000 euros. A Confederación traballa en practicamente todos os concellos das provincias de Lugo e Ourense, así como do sur de Pontevedra, como A Cañiza, Vilalba, Chantada, Monforte, Xinzo de Limia ou Tomiño.

En total, a CHMS investiu 62,7 millóns de euros nos concellos galegos da conca Miño-Sil durante os últimos anos, dos que 44,6 foron destinados a obra pública hidráulica e máis de 18 millóns a melloras ambientais dos leitos, o que fixo posible recuperar áreas fluviais para a cidadanía e mellorar os recursos acuíferos en moitos concellos.

Xestión a longo prazo contra o cambio climático

Na reunión, o delegado e o presidente da Confederación coincidiron na aposta pola xestión responsable dos recursos hídricos, que se traslada ao actual Plan Hidrolóxico da Demarcación, que estará vixente ata 2027. Esta planificación ten como un dos obxectivos adiantarse aos efectos do cambio climático sobre a xestión da auga.

Pedro Blanco insistiu na necesidade de abordar xa este impacto, pois os recentes e cada vez máis cotiáns “son datos que nos preocupan e que nos obrigan a poñer por diante unha xestión responsable da auga e do resto de recursos asociados a ela”. Nese sentido, puxo en valor o traballo do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, que impulsa a “transformación verde” de moitos concellos rurais de Galicia.

0.10353493690491