Cibercarracho, a palabra do ano 2023, xa loce na rúa Menorca de Lugo
O tenente alcalde e concelleiro de Mobilidade e Infraestruturas, Rubén Arroxo, xunto con Maite Ferreiro, concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua e o presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, e Manuel González, membro da Real Academia Galega, visitaron a rúa Menorca onde se vén de instalar a palabra Cibercarracho, escollida como palabra do ano 2023.
Con esta iniciativa pretenden seguir coa mellora da imaxe da cidade, “ao mesmo tempo que poñemos en valor un símbolo tan importante como a lingua galega", indicou Rubén Arroxo. Continúan así esta intervención artística “que puxo en valor un símbolo tan importante como a lingua galega, e converteu á rúa Mallorca nun atractivo turístico máis de Lugo". O tenente alcalde destacou que o futuro da nosa lingua “está vivo e as palabras de cada ano pasan a formar parte do idioma xa que sintetizan parte da realidade de cada época".
A Palabra do Ano é escollida no Portal das Palabras cada ano. En 2012, a RAG e a Fundación Barrié, asinaron un convenio de colaboración en materia de lexicografía. Modernizar os sistemas de investigación, acometer novos traballos, elaborar aplicacións e promover o Portal das Palabras. Froito do anterior, elíxese a palabra do ano e conta con outras ferramentas como o Dicionario electrónico e a versión para móbiles e tablets. Para a colocación das palabras utilizouse un material duradeiro e que permitirá unha boa e sinxela visibilidade do texto. Vai acompañando a cada verba o ano no que foi nomeada pola Real Academia, no Portal das Palabras, como palabra do ano.
Cibercarracho, palabra do 2023
O lema ciberdelincuente figura dende hai un tempo no Dicionario da Real Academia Galega para designar a persoa que comete un acto delituoso por medio das tecnoloxías da información e da comunicación, pero a inventiva para sensibilizar sobre o problema dos ciberataques e outros delitos informáticos creou nos últimos meses un neoloxismo de rexistro coloquial que tira do humor para gañar eficacia neste desafío: cibercarracho. O vocábulo fíxose con máis do 40 por cento dos votos rexistrados na votación que organizamos dende o Portal das Palabras.
A segunda voz máis apoiada foi feitiño, -a, con algo máis do 30 % dos votos, seguida de biodiversidade, dereitos humanos, educación emocional e cooficialidade. Da idoneidade de elixir este becho capaz de transmitir distintas enfermidades para se referir a quen delinque dá conta o refraneiro, que confirma a mala sona da que gozou tradicionalmente. As molestias e os danos que ocasionan as carrachas reflíctense en proverbios como Gando cativeiro, de carrachos cheo ou Ano pobre e ovella fraca, todo é carrachas.
Cibercarracho, -a incorpora agora esta palabra popular nun novo tempo marcado pola tecnoloxía, chea de oportunidades pero tamén de ameazas, que van deixando pegada no Dicionario. O Seminario de Lexicografía da Real Academia Galega deu entrada no Dicionario no ano 2018 a diversas voces relacionadas con eses riscos, entre elas ciberdelincuente, xunto a outras formadas a partir do mesmo prefixo como ciberdelito, ciberataque, ciberseguridade ou ciberacoso.