Cidadáns denuncia a falta de roza nas zonas rurais
A portavoz municipal de Cs, Olga Louzao, instou esta mañá ao Goberno local a destinar máis recursos á campaña de rozas para atallar os problemas derivados da falta de mantemento nas zonas rurais. "Un ano máis o Goberno local chega tarde a cubrir esta necesidade que se evidencia coas numerosas queixas veciñais por falta de mantemento nos camiños públicos. Dimensionar os recursos dunha forma adecuada ás necesidades deste servizo é unha materia pendente do executivo de Lara Méndez. Estas tarefas de roza son fundamentais debido ao elevado uso que moitas destas vías rexistran como ferramenta para comunicar aos veciños co espazo agrario. Existen zonas onde a maleza supera aínda o metro de altura, o que supón un risco para vivendas lindeiras en caso de incendio", sinalou o edil da formación laranxa.
Así mesmo, dende Cidadáns defenden que levan tempo incidindo na necesidade de programar as rozas en dúas quendas, unha mediada a primavera e outra a finais de verán, "pero o bipartito segue poñéndose de perfil neste asunto". Engaden tamén que a zona rural ten un peso fundamental no municipio.
"Estamos a falar de 54 parroquias e gran parte do territorio pero o Goberno local empéñase coa súa actitude de abandono en profundar nas diferenzas entre os veciños da zona urbana e rural nunha clara discriminación aos segundos. Hai que destinar máis recursos a esta tarefa. É unha vergoña a situación de abandono que vive neste sentido a zona rural do noso municipio onde xa de seu ao investimento por habitante é substancialmente menor. Este Goberno crea veciños de primeira e de segunda. Desgraciadamente é a dinámica á que nos ten afeito. Ignoráronse nosas demandas pero o peor é que se están ignorando as demandas da cidadanía", sinalou Louzao.
Camiños sen rozar desde hai anos e sumidoiros atrancados por falta de mantemento
"É inaceptable o estado no que se atopan as zonas de titularidade municipal nas zonas rurais do municipio. Existen problemas en todas as parroquias. Non se está escoitando aos veciños. Para mostra diso o exemplo do camiño que comunica A Tolda con Bosende. Leva anos esquecido por este Goberno a pesar das demandas veciñais. A maleza supera os dous metros de altura e invade o camiño polo menos un metro. Os sumidoiros están atascados pola falta de mantemento e isto xera un problema de erosión na vía pola acción da auga que sería perfectamente evitable", concluíu.