Ciencias acollerá a próxima semana unhas xornadas sobre nutrición e dano celebral
Entre o 4 e o 18 de setembro a Facultade de Ciencias de Lugo acolle as Xornadas de Aproximación Social e Nutricional ao Dano Cerebral Adquirido. Organizadas pola Federación Galega de Dano Cerebral (Fegadace) e a Universidade de Santiago de Compostela (USC), en colaboración coa Deputación de Lugo, as actividades combinan a abordaxe teórica e práctica sobre unha discapacidade provocada, fundamentalmente, por ictus e traumatismos cranioencefálicos, que afecta a unhas 36.000 persoas en toda Galicia.
As accións programadas, gratuítas previa inscrición, están especialmente centradas en ofrecer información de utilidade para que as persoas con DCA, ás súa familias ou quen participa no seu coidado, poidan afrontar as dificultades na alimentación, deglutición e nutrición derivadas de secuelas nas esferas neuromusuculoesqueléticas, cognitivas, sensoriais, emocionais, condutuais e sociais.
Ademais, posto que as xornadas tamén procuran contribuír a loitar contra o descoñecemento e a invisibilización desta súbita lesión cerebral, que adoita considerarse unha “epidemia silenciosa" pola dificultade para detectar as súas consecuencias, a participación está aberta ao público xeral.
Os contidos, que tamén abordarán as causas, secuelas e recursos de atención do DCA, poden resultar de especial interese para a comunidade universitaria, profesionais do eido socio-sanitario e poboación residente no rural, fortemente envellecida e frecuentemente afectada por dificultades na deglutición dos alimentos (como a disfaxia, a falta de dentición ou a carencia de forza motora na mandíbula).
A iniciativa enmárcase no "Proxecto Rumbo: cara a un Modelo un Autonomía Persoal Conectada e Inclusiva”, financiado polo Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030, con cargo ao Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España, e ligado aos fondos Next Generation da Unión Europea.
Actividades
A programación arranca o luns 4 de setembro coa inauguración, no recibidor da Facultade de Ciencias, da exposición ‘Punto e seguido’. A mostra, que poderá visitarse até o día 18, está composta por 38 imaxes realizadas polo fotógrafo compostelán Aigi Boga e visibiliza o día a día de persoas con DCA das cinco entidades que conforman o movemento asociativo deste colectivo.
O mércores 6 de setembro o impartiranse as sesións divulgativas no salón de actos. Entre as 16 e as 17h desenvolverase unha charla de sensibilización e aproximación ao DCA da man de Carla Miranda Iglesias, traballadora social en FEGADACE, e, tras un pequeno descanso no que se convidará as asistentes a visitar a exposición fotográfica, de 18 a 19h terá lugar un relatorio sobre disfaxia e alimentación en persoas con DCA, impartido por Noelia Rivadas, logopeda da Federación.
O peche do ciclo realizarase o xoves 7 de setembro co desenvolvemento do obradoiro de elaboración de pratos e receitas adaptadas á disfaxia, particularmente pensado para persoas con DCA, persoas coidadoras e familias. Impartido polo cociñeiro e docente José Luis Álvarez Bouso, terá lugar entre as 16 e as 18h e estará centrado en coñecer técnicas culinarias para o tratamento e/ou adaptacións dietético-nutricionais no domicilio.
Inscrición
A participación nas xornadas é gratuíta pero é preciso inscribirse previamente nun formulario online.
Debido a que o aforo nas conferencias e as prazas no obradoiro son limitadas (para 100 e 25 persoas, respectivamente), estas asignaranse segundo a orde de inscrición.