Cinco categorías do fútbol base escolleron o domingo aos gañadores da Copa Deputación

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa
As finais disputáronse en Xove, Vilalba, Lugo e Sarria
piringalla-copa-deputacion
O equipo prebenxamín da Piringalla, gañador da Copa Deputación
27 Maio 2024

Este domingo, a maior parte das categorías do fútbol base, entre prebenxamín e xuvenil, escolleron aos gañadores das Copa Deputación 2024, a excepción da infantil, que xogará a final a próxima fin de semana.

Na categoría xuvenil o título foi para o Milagrosa, que se fixo coa Copa despois de obter o ascenso á Galega na fase de Liga. Os lugueses impuxéronse ao Becerreá por 2-0 na final celebrada no campo da Ribela de Sarria o sábado pola tarde.

Xove foi o lugar escollido para a final cadete, na que dous equipos da Mariña competían polo trofeo. Foi o Viveiro o que levantou a Copa logo de vencer ao Lourenzá por 0-2. Estes últimos veñen de conseguir o ascenso á Galega mentres que os viveirenses quedaron ás portas.

Na categoría infantil serán o Residencia e o Piringalla os que medirán as súas forzas a próxima fin de semana para facerse co trofeo.

Tamén repartíronse os tres trofeos no fútbol 8. A gran maioría dos equipos de cada categoría disputaron a fin de semana do 18 e 19 de maio a primeira fase da Copa, na que quedaron seleccionados 8 equipos en cada categoría que este domingo 26 disputaron a fase final nunha Final Four.

Na alevín o gañador foi o Lugo, que venceu ao Casás no último partido. Os albivermellos son deste xeito campións de Liga e de Copa.

Na benxamín foi o Piringalla o que se alzou co preciado título ante o Viveiro. O equipo laranxa quedara subcampión de Liga, tralo Polvorín, e recolleu orgulloso o seu título. O mariñao quedou tamén ás portas da clasificación para o Campionato Galego durante o curso, que si foi para o Piringalla.

As dúas finais de Copa disputáronse o domingo pola mañá en Vilalba, repartidos entre o estadio Roca e a Madalena.

A Copa prebenxamín foi para o Santiago de Foz, que levantou o trofeo de campión no campo da Cheda. Venceu no último partido ao Piringalla, equipo campión da Liga regular.

Ademais da infantil, quedan por disputarse as semifinais e finais das Copa Deputación para as categorías sénior, a Primeira-Preferente, a Segunda-Terceira e a Feminina.

0.15336179733276