Cinco concellos da provincia participan no proxecto Nutrir Galicia da USC

TerraChaXa | LugoXa | RibeiraSacraXa | AMariñaXa
O Campus Terra impulsa o desenvolvemento local das entidades rurais ao abeiro do proxecto Nutrir Galicia coa participación de 5 concellos.
presentacion proxeto nutrir galicia usc
11 Dec 2021

O Campus Terra impulsa do desenvolvemento local das entidades rurais ao abeiro do proxecto Nutrir Galicia, unha iniciativa transnacional a prol da sustentabilidade alimentaria dos territorios apoiada pola Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia e polo Instituto Politécnico de Viana do Castelo (IPVC), entre outras administracións, que bota a andar nos concellos de Cervantes, Friol, Mondoñedo, Muras e Sober e que aspira a incorporar máis socios.

Nutrir Galicia é un programa orientado a territorios con baixa densidade de poboación e escasa competitividade, enclaves nos que a presenza de estruturas de I+d+i con recursos humanos altamente cualificados poden axudar a catalizar a produción primaria e agroalimentaria, ademais de para articular estratexias de planificación empresarial e de sustentabilidade, segundo indicou este venres reitor da USC, Antonio López, na presentación deste proxecto, un acto que citou na Casa do Saber de Lugo ao conselleiro de Medio Rural, José González; a parlamentaria autonómica Elena Candia, así como aos rexedores dos concellos de Cervantes, Benigno González; Friol, José Ángel Santos; Mondoñedo, Manuel Otero; Muras, Manuel Requeiro, e Sober, Luis Fernández Guitián. A directora da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), Inés Santé; o vicepresidente da Rexión Norte de Portugal, Belardino Pinto, e o coordinador de Nutrir Portugal, Nuno Brito de Vieira, tamén participaron nunha sesión que contou coa presenza de técnicos da Deputación Provincial de Lugo.

O proxecto Nutrir Galicia nace cuns obxectivos aliñados cos do Campus Terra da USC e  coas principais liñas de investigación que nel se desenvolven, salientou a vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel, quen precisou que este programa busca sinerxías entre distintas entidades para favorecer a transferencia de coñecemento e I+D+i desde a Universidade aos territorios e ás súas xentes.

Valcárcel explicou que Nutrir Galicia é un proxecto que responde á vocación do Campus Terra de co liderar a transformación do sector primario, en particular, e do medio rural, nun senso máis amplo, a través da formación de profesionais, a investigación aplicada e a transferencia de coñecemento nas súas diversas liñas de especialización: Produción vexetal e agricultura sustentable, Produción e sanidade animal desde a perspectiva One Health, alimentación segura e saudable, xestión forestal sostible, biodiversidade e servizos ecosistémicos, loita contra o cambio climático ou mesmo a través das chamadas tecnoloxías facilitadoras, TICS e tecnoloxías ómicas.

Intervención territorial

Nutrir Galicia xurde como un novo modelo de intervención territorial desde unha óptica que conxuga a posta a disposición das capacidades do Campus Terra da USC e do IPVC ao servizo ao medio rural. Esta iniciativa require tamén da implicación de axentes territoriais (GDRs, concellos, produtores) e das administracións públicas, dixo Valcárcel, para logo expoñer algunhas das potencialidades que presenta nestes eidos a provincia de Lugo e, de xeito máis particular, os cinco municipios implicados no nacemento do proxecto.

A vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo comentou neste senso que logo dunha análise provisional das capacidades produtivas nos sectores da carne, mel, horta, viticultura, queixos, cereal, castaña, micoloxía, froita desenvolvida a xeito de proxecto piloto nos concellos de Cervantes, Friol, Mondoñedo, Muras e Sober, o Campus Terra goza de recursos para favorecer a mellora dos rendementos acadados.

A valorización de contornas con potencial micolóxico, a análise e o control da produción de queixos a través da APLTA, a xestión sostible de soutos e a caracterización e selección de cereais, castañas e outras froiteiras constitúen ámbitos aos que o Campus Terra da USC pode achegar coñecemento e innovación, relatou Valcárcel. A vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo apuntou tamén as potencialidades da sede universitaria luguesa nos eidos do vacún de carne (xenética, reprodución, xestión de sistemas silvopastorais, análise de contaminantes...), na análise de meles e no control e prevención da varroatose, así como na caracterización e modelización e fertilización de cultivos hortícolas ou no manexo hídrico das vides.

As capacidades do Campus Terra nestes sectores produtivos específicos, ás que se suman outras máis transversais no ámbito da nutrición, educación e paisaxe e mesmo na posta en valor de contornas acaídas para prácticas e observacións astronómicas, constatan a existencia de moitas oportunidades para fortalecer o desenvolvemento dos territorios a través da I+D+i e da transferencia de coñecementos, así como da implementación de novas iniciativas adaptadas á casuística local.

Neste contexto e logo de comprobar que o novo modelo de intervención territorial esbozado neste proxecto vai na mesma liña doutras estratexias de organismos mundiais e mesmo responde aos intereses dos gobernos nacionais, autonómicos, provinciais e locais, os promotores de Nutrir Galicia solicitan colaboración para crear un equipo técnico e desenvolver un plan estratéxico participativo e coordinado para detectar oportunidades, captar financiamento e activar accións a prol do desenvolvemento rural.

0.1917359828949