Cinco concellos únense para promover a Vía Künig como o percorrido máis longo de Europa

Os concellos de Lugo, As Nogais, Becerreá, Baralla e O Corgo veñen de asinar un convenio de colaboración para impulsar a posta en valor da Vía Künig, o percorrido máis longo de Europa dentro das rutas xacobeas, que segue os pasos do monxe alemán Hermann Künig, quen atravesou Galicia a finais do século XV.
O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, destacou “os recursos culturais, patrimoniais e naturais deste itinerario, así como o labor desenvolvido pola Asociación Vía Künig”, subliñando a importancia deste acordo que permitirá investir un total de 30.000 euros, achegados polos cinco concellos participantes, entre este ano e o vindeiro, para recuperar, mellorar e impulsar esta ruta.
Fernández explicou que “Lugo súmase a esta iniciativa para recuperar, manter e potenciar esta vía, considerada o percorrido máis longo de Europa, e que conta con importantes valores culturais, naturais, patrimoniais e históricos que debemos dar a coñecer”.
O convenio permitirá destinar os fondos a diversas accións como estudos e investigacións, elaboración de cartografía e documentación, labores de limpeza e sinalización, así como á promoción turística e cultural da Vía Künig.
Segundo o acordo asinado, os concellos implicados asumen a súa responsabilidade en materia de promoción cultural, fomento do turismo, apoio ao comercio e fortalecemento do tecido empresarial, todo a través da recuperación e desenvolvemento deste itinerario de peregrinación cara Santiago.
O rexedor lucense lembrou que a Vía Künig xa tivo unha presenza destacada no vídeo promocional que a área de Alcaldía do Concello de Lugo presentou na última edición da Feira Internacional de Turismo (Fitur). “Con este novo convenio reforzamos a nosa colaboración coa Asociación Vía Künig e contribuímos a un maior recoñecemento desta ruta”, apuntou.
Por último, Fernández subliñou que “grazas a este acordo, os cinco concellos unímonos para continuar de xeito conxunto coa recuperación, mantemento e promoción deste percorrido, que, aínda que menos coñecido ca o Camiño Primitivo, é igualmente fascinante”.