Cinco entidades ecoloxistas únense para advertir do impacto da planta de Altri na Ulloa
As entidades ADEGA, SGHN (Sociedade Galega de Historia Natural), SGO (Sociedade Galega de Ornitoloxía), o Grupo Naturalista Hábitat e a AGCT (Asociación Galega de Custodia do Territorio) advertiron esta mañá “dos graves impactos ambientais” que a instalación da factoría de fibras téxtiles da multinacional Altri podería provocar na comarca da Ulloa.
A fábrica, que se dedicará a crear Lyocell ou Tencel, unha fibra téxtil elaborada a base de restos vexetais, obterá a súa materia prima da madeira do eucalipto. A base do negocio nas súas primeiras etapas é o que preocupa, maioritariamente, a estes colectivos. E é que, segundo explican este primeiro procecso “é indistinguíbel dunha celulosa para a fabricación de pasta de papel.
Asemade, critican as grandes cantidades de auga que a fábrica precisará para producir o Lyocell e é que, segundo comentan os colectivos nunha misiva enviada aos medios “o volume de auga mínimo preciso para producir unha tonelada de Lyocell supera os 1.500 m3 abeirando os 2.500 m3. Segundo informacións de prensa, Altri prevé que a planta producirá 200.000 toneladas de Lyocell ao ano, ou o que é o mesmo, que consumirá anualmente case 500 millóns de m3 de auga”.
Estas entidades ecoloxistas cuestiónanse o lugar onde se extraerán esas cantidades de auga.
“Basear a produción téxtil no eucalipto provocará ademais unha maior extensión desta especie exótica invasora en Galicia e propiciará novas plantacións ilegais, como as que se están a producir actualmente en plena moratoria feijoniana”.
Os ecoloxistan temen que, con Altri demandando eucalipto, as hectáreas de plantación de eucalipto ascendan en Galicia ata o millón.
“Polo camiño ficará unha biodiversidade estragada, terras de cultivo derramadas, a paisaxe ferida e aumentará risco de grandes incendios. É rechamante que a multinacional Altri busque instalarse en Galicia, terra politicamente abonada ao eucalipto, logo da contestación social e política e o freo ao cultivo desta especie acontecido en Portugal polo devastador incendio de Pedrógão Grande en 2017”, conclúen.