Cintia Folgueira Cobo abrirá este luns o ciclo 'Destacando na Ciencia' en Lugo

LugoXa
Este programa de conferencias pretende achegar á cidadanía distintos ámbitos do coñecemento da man de destacados expertos e expertas galegas
Cintia-Folgueira-UNED
18 May 2025

A bióloga e investigadora lucense Cintia Folgueira Cobo abrirá este luns o ciclo 'Destacando na Ciencia', un programa de conferencias co que se pretende achegar á cidadanía distintos ámbitos do coñecemento da man de destacados expertos e expertas galegas.

A primeira das charlas será a da bióloga lucense, o luns 19, na Casa do Saber, ás 11.30 horas, unha ponencia que inaugura un ciclo financiado integramente polo Concello de Lugo, a través da área de Cohesión Social, e que lévase a cabo coa colaboración do IV Ciclo Universitario de Maiores da USC.

A edil responsable desta área, Olga López Racamonde, fai fincapé no principal obxectivo deste ciclo co que “pretendemos achegar a ciencia á cidadanía, da man de galegos destacados en diferentes ámbitos do coñecemento, e que son referentes na ciencia a nivel nacional e internacional. Imos aproveitar ese talento e todo ese potencial para abordar temas de actualidade e que cada vez suscitan máis interese entre a sociedade”.

Esta primeira conferencia abordará, da man de Cintia Folgueira, a “Obesidade e Diabetes: non é só unha cuestión de peso”.

A bióloga e investigadora lucense, que traballa no Centro Nacional de Investigación Cardiovascular (CNIC) e desde marzo no Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago, conta con moitas distincións nacionais e internacionais polos seus descubrimentos no campo da diabetes e da obesidade.

O ciclo “Destacando na Ciencia” continuará o luns 2 de xuño, tamén ás 11,30 horas no salón de actos da Casa do Saber, coa conferencia do historiador Roberto López López que abordará a ponencia “Ao final do camiño: a atención dos peregrinos en Santiago na Idade Moderna”.

Xa no mes de xuño, o luns día 23, co mesmo horario, abordarase unha nova charla sobre “O ecosistema dixital”, a cargo da xornalista María Varcárcel Tabernero, mentres que o remate do ciclo correrá a cargo do investigador e médico xenetista Ángel Carracedo, quen o mércores, 1 de outubro, ás 11.00 da mañá falará sobre “Os avances en medicina Xenómica: Desde o Proxecto Xenoma Humano ao Proxecto Xenoma Galicia”.

⚙ Configurar cookies
0.17221212387085